Santiago, 24 de marzo de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España incluír na próxima convocatoria de fondos europeos a conexión ferroviaria do porto exterior de Punta Langosteira en A Coruña, así como a condonación da débeda do Porto de A Coruña con Portos do Estado ou a concesión dunha achega económica da cantidade equivalente.
O deputado popular Diego Calvo cualificou de “desleal” ao BNG por apuntar á necesidade de redactar un plan estratéxico e comercial para o porto da Coruña. “Vostedes saben que iso xa se está a facer, porque o presidente da Autoridade Portuaria reuniuse con todos os portavoces do Concello da Coruña para explicarlles as liñas de traballo”, expuxo o popular, que acusou aos nacionalistas de “acudir agora ao Parlamento para tratar de colgarse medallas que non lles corresponden”.
Diego Calvo, que tamén criticou que o BNG “toca de oído en todo o que ten que ver co porto coruñés”, asegurou durante a súa intervención que o traballo conxunto que se está a realizar entre a Xunta e a Autoridade Portuaria “vai ter bos resultados”, a pesar da “ausencia” e a “escasa colaboración” do Goberno central.
Así, explicou que está en marcha un ambicioso plan de empresa co obxectivo de lograr un impulso comercial da infraestrutura a través de novos tráficos, cuestión que xa coñecen tanto os nacionalistas como os socialistas galegos.
“Veñen agora aquí para que os galegos pensen que ese traballo é cousa do BNG?”, preguntouse o deputado popular, que asegurou que “estamos afeitos a esa forma de traballar do Bloque que nin da méritos, nin da confianza, nin dá votos”.
“O BNG CHEGA TARDE E TOCA DE OÍDO”
Por outra banda, e no que respecta á solicitude de instar a licitación urxente da conexión ferroviaria co porto exterior, Calvo deixou claro que “o BNG chega tarde”, e botou man dos acordos xa aprobados no Parlamento a este respecto.
Entre outros, citou o texto votado pola Cámara no ano 2018 no que se acordou instar a Xunta a solicitar ao Ministerio de Fomento e a Portos do Estado “a impulsar e financiar a execución da conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira con achega económica da Autoridade Portuaria da Coruña e, para tal efecto, demandar a correspondente inclusión de orzamento axeitado e suficiente” para a obra. E aludiu á recente reunión entre o presidente Feijoo e o ministro Ábalos para desbloquear este asunto.
“Xa temos o compromiso do Goberno central de asumir a construción do acceso a Langosteira e de desvincular a obra da xestión da débeda que pesa sobre o porto”, apuntou Diego Calvo, que apelou aos grupos a ir un paso máis adiante e solicitar a inclusión desta actuación na próxima convocatoria de fondos europeos e reclamar a condonación da débeda, tal e como se fixo no porto de Valencia.
Aos deputados socialistas reclamoulles que se “fagan valer” ante o goberno de Sánchez e que se sumen dunha vez por todas “á defensa dos intereses dos galegos”.