Santiago, 28 de xullo de 2022.- A viceportavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia, considerou hoxe na Deputación Permanente do Parlamento galego “unha irresponsabilidade” a comparecencia do conselleiro nestes momentos para informar sobre os incendios forestais, pero garantiu que esta comparecencia terá lugar unha vez remate o período de alto risco.
Candia incidiu na necesidade dun “gran pacto autonómico” en torno ao problema dos incendios e salientou “a rapidez coa que actuou o Goberno galego aprobando o decreto que regula a concesión de axudas para os damnificados polo episodio excepcional de incendios forestais vivido nas últimas semanas.
Elena Candia iniciou a súa comparecencia agradecendo “o traballo realizado por todos os que participaron na extinción dos incendios, desde os técnicos da Consellería, ata os concellos, os voluntarios ou os propios veciños”, ao tempo que trasladou unha mensaxe de solidariedade cos afectados “porque sabemos o que importa para un galego cada ferrado de terra, cada edificio e o seu propio fogar”.
SITUACIÓN DE EMERXENCIA CIVIL
“O que pasou no Caurel e Valdeorras non foi unha extinción dun incendio, senón unha situación de verdadeira emerxencia civil con risco claro para a integridade das persoas”, manifestou a portavoz popular, quen saudou que “acadouse o obxectivo de evitar perdas humanas”.
Na súa intervención, lembrou que o período de alto risco de incendios forestais comezou o pasado 1 de xullo e para a súa loita despregouse por toda a xeografía galega un dispositivo integrado por máis de 7.000 efectivos. Respecto dos lumes ocasionados no Courel e Valdeorras, dixo que foron consecuencia dun sistema convectivo de mesoescala, que ocasionou máis de 6.000 raios en toda Galicia na tarde-noite do pasado 14 de xullo, provocando ata 52 incendios forestais.
CUESTIÓNS PRIORITARIAS
“Un conxunto de factores, entre os que se atopan a importante carga de biomasa e o cambio climático, provocou un comportamento dos lumes extraordinariamente virulento, errático e imprevisible, que gracias á rápida reacción e operatividade do dispositivo de extinción e emerxencias, coa implicación da veciñanza, evitou a perda de vidas humanas”, subliñou.
Elena Candia indicou que “o prioritario nestes momentos é rematar a extinción dos lumes, que os técnicos se despracen ás zonas afectadas de xeito inmediato para valorar a afectación do solo polos incendios forestais acontecidos e tomar as medidas oportunas para a rexeneración dos terreos afectados”. Por este motivo, considerou que “non procede a comparecencia do conselleiro do Medio Rural nestes momentos”, pero avanzou que “terá lugar unha vez remate o período de alto risco de incendios forestais”.