Santiago, 9 de decembro de 2021.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, garantiu hoxe no Pleno de Parlamento galego que, “con ou sen axuda do Goberno de Pedro Sánchez, con ou sen axuda do BNG e con ou sen axuda do que quede do PSdeG, Galicia se converterá no vindeiro curso na primeira comunidade autónoma de España coa totalidade das escolas infantís gratuítas”.
Alberto Pazos lembrou que o Presidente Feijóo anunciou no último Debate sobre o Estado da Autonomía que “o vindeiro curso daremos cumprimento ao compromiso que constaba no programa electoral do PPdeG e Galicia converterase na primeira e única comunidade autónoma que prestará atención educativa totalmente gratuíta en todas as escolas infantís galegas”.
NEGATIVAS SOCIAIS DOS SOCIALISTAS
Na súa intervención, Pazos lamentou que os socialistas galegos negaran o seu apoio a iniciativas sociais postas en marcha polo Goberno galego como as Casas Niño, a gratuidade das escolas infantís para segundos e sucesivos fillos ou á lei de impulso demográfico.
“Hoxe os socialistas rompen o único consenso que alcanzamos en materia social, a través dunha resolución aprobada no último Debate sobre o Estado da Autonomía, a través do que se reclamaba ao Goberno de España financiamento para a gratuidade o vindeiro curso de todas as escolas infantís”, manifestou.
Neste sentido, Alberto Pazos criticou que “a sucursal de Pedro Sánchez en Galicia esixa agora inmediatez ao Goberno galego para a gratuidade das escolas infantís, mentres cala respecto da aportación que debería facer o Goberno de España para esta iniciativa”.