A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, incidiu hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta impulsará as xestións necesarias para a construción dun novo centro de saúde en Fisterra no momento que desde o Concello se poña á súa disposición os terreos necesarios. “Confiamos que o novo alcalde teña unha actitude máis conciliadora que o anterior grupo de goberno e facilite que os veciños poidan gozar do novo centro de saúde”, manifestou.
“Sen parcela non hai centro de saúde posible”, asegurou Encarna Amigo, quen apuntou que “cando ese terreo se poña a disposición da Xunta haberá un novo centro de saúde, que triplicará o espazo do actual, pasando de 345 a máis de 1.000 metros cadrados, con cinco consultas para adultos, unha de pediatría e unha sala de xuntas para o persoal”.
RETICENCIAS MUNICIPAIS
A deputada popular lamentou que, “a pesar da vontade amosada pola Xunta para construír o novo centro de saúde en Fisterra moderno, accesible, amplo, dotado con equipamento renovado e preparado para albergar novos servizos sanitarios, o Concello non foi quen de poñer a disposición do Sergas unha parcela axeitada”.
Así, lembrou “as reticencias municipais a emprazar o centro de saúde novo nun entorno diferente ao do actual, en pleno núcleo urbano”. Neste sentido, recordou que o Concello pediu estudar a opción de reformar o centro actual, proposta que os técnicos do Sergas concluíron que iso non era viable nin técnica nin economicamente.