Santiago, 25 de maio de 2021.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, criticou hoxe no Pleno a “demagoxia que utiliza o BNG cando fala do sector eólico” e afirmou que “nós cremos neste sector, compatible co medio ambiente e co medio rural”.
“Que hoxe haxa moitos proxectos presentados non significa que sexan todos aprobados, porque os que non cumpran coa normativa establecida serán rexeitados e moitos terán que adaptarse para cumprir coa lexislación”, apuntou.
Marta Nóvoa lembrou que “tanto a Xunta como o Goberno de España están obrigados por lei a tramitar todos os proxectos que se presenten e sometelos a unha avaliación de impacto ambiental, regulada na lei estatal 21/2013”. Neste sentido, engadiu que “os proxectos eólicos só se autorizan se son compatibles co resto de actividades económicas e coa defensa da nosa biodiversidade”.
ATA UN 85% DE ACORDO NOS PROXECTOS
Así mesmo, a portavoz popular subliñou que “a insistencia do BNG en colocar ao sector eólico como algo prexudicial para os propietarios dos terreos non se corresponde coa realidade, pois a maior parte dos acordos son favorables, acadándose ata un 85 por cento de acordo nos últimos proxectos tramitados»”
“A realidade é que demonizar a un sector que xera a día de hoxe 7.000 postos de traballo, entre directos e indirectos, e que supón o 1 por cento do PIB galego non parece o máis correcto, co agravante de que nos atopamos nun momento de transición enerxética, cun custe inasumible da electricidade, que se reducirá coa maior penetración de enerxías renovables”, manifestou.
En concreto, sinalou que as instalacións eólicas aboaron durante o pasado ano 2019 aos concellos galegos 23 millóns en concepto de canon eólico e outros 37,6 millóns de IBI, IAE ou ICIO. Ademais, máis de 11 millóns de euros distribuíronse entre os propietarios, tendo presente que na maioría dos casos o uso eólico é compatible cos usos tradicionais agrícolas.