Santiago, 19 de xaneiro de 2022.- O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro insistiu hoxe no Parlamento galego en que o Goberno de España “cumpra o compromiso de realizar unha aportación extraordinaria para Santiago de 281 millóns de euros, anunciado na última reunión do Real Padroado e que non ten reflexo nos orzamentos para 2022”.
Así mesmo, acusou ao BNG de “intentar branquear ao Goberno de Pedro Sánchez desviando a atención cara a Xunta, que mantén a súa aportación anual ao Consorcio, incrementada con motivo da celebración do Xacobeo 21-22”.
José Luís Ferro salientou que o Consorcio de Santiago “é un exemplo de coordinación entre tres niveis institucionais na promoción de accións orientadas á preservación e revitalización da cidade de Compostela e do seu patrimonio cultural a través da lealdade e a colaboración institucional”.
NON VOLVERON A FALAR DA APORTACIÓN
Na súa intervención, lembrou que o Goberno central, a través do seu presidente, anunciou na última reunión do Real Padroado de Santiago celebrada o pasado mes de xullo, unha dotación extraordinaria de 281 millóns de euros para esta cidade durante a vindeira década, “pero lamentablemente non volveu a falar do asunto desde aquela data nin recolleu partida algunha nos orzamentos para 2022”.
“En contraposición, a Xunta realiza unha aportación ao Consorcio de Santiago con lixeiros incrementos nos últimos anos, que se viu aumentada en medio millón de euros con motivo da celebración do Xacobeo 21-22”, sinalou o deputado popular.
Ademais, Ferro destacou que o Goberno galego “está a concretar a posta en marcha dalgúns proxectos que xa foron presentados no seo do Consorcio, como a avaliación de usos públicos en Conxo a través dun plan especial, a continuación das melloras nos accesos do Camiño de Santiago ou a recuperación do legado patrimonial de carácter arquitectónico da Universidade de Santiago, coa rehabilitación das facultades de Medicina e de Xeografía e Historia”.