Santiago, 3 de febreiro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Nóvoa insistiu hoxe no Parlamento no “compromiso” da Xunta co Ecobarrio da Ponte na cidade de Ourense, e mostra disto é a partida de 550.000 euros que figura nos orzamentos para 2021 para esta actuación.
Ademais, salientou que a oficina de información “está rematada e lista para abrirse, á espera de que a pandemia sanitaria permita volver á normalidade na relación coa cidadanía e na atención nos domicilios dos veciños”.
Marta Nóvoa cualificou de “sorprendente” que os socialistas galegos “se preocupen polo Ecobarrio de Ourense, cando a realidade é que nunca apoiaron este proxecto nin a nivel local nin no Parlamento de Galicia”.
PROXECTO PIONEIRO
Na súa intervención lembrou que o Ecobarrio “é un proxecto pioneiro que confiamos sexa para Galicia un exemplo de transformación urbana e sustentable”. Así, contempla a renovación de fachadas e cubertas, e a instalación de ascensores e fiestras, en 18 edificios privados con máis de 300 vivendas; a substitución do alumeado actual por tecnoloxía led nas rúas do barrio da Ponte e na zona da Chavasqueira; o fomento da mobilidade sustentable, apoiando o uso de vehículos eléctricos ou propulsados con gas natural; e o desenvolvemento da primeira rede de district heating de xeotermia de Europa.
A deputada popular indicou que “todo isto será posible a través do cofinanciamento e a colaboración das administracións local, autonómica e estatal, a través dos proxectos presentados ás convocatorias do IDAE”.
“Esta é a realidade do proxecto do Ecobarrio de Ourense, para o que xa se levaron a cabo moitas actuacións planificadas e existe a firmeza de manter os compromisos para levar adiante o proxecto completo”, asegurou.