Santiago, 24 de marzo de 2021.- O deputado do Grupo Popular Manuel Santos insistiu hoxe no Pleno do Parlamento galego que “tanto o Goberno galego como o PPdeG loitaremos sempre polos dereitos dos traballadores e das familias, e se ENCE se pecha sen ningunha alternativa o PSOE e o BNG serán os responsables do futuro de 5.000 familias”.
Manuel Santos criticou que “o único que pretenden é que ENCE se peche, sen outra solución de que a empresa se teña que marchar de Galicia, sen preocuparse en absoluto polos milleiros de postos de traballos que se perden”. “Din que apoian a industria galega, cando o que plantexan é pechar empresas en Galicia sen a máis mínima sensibilidade con todos estes traballadores que se verán afectados”, engadiu.
PECHAR ENCE, O QUE MENOS INTERESA NESTE MOMENTO
“A nós tampouco nos gusta a localización da empresa, pero no contexto actual de crise económica consideramos que o que menos interesa é o peche de ENCE e deixar sen amparo laboral e económico a milleiros de familias”, dixo.
Neste sentido, Manuel Santos asegurou que “a Xunta está sendo totalmente estrita na esixencia do cumprimento de todos os parámetros medioambientais e de seguridade”, do mesmo xeito que lembrou que “os últimos certificados presentados pola empresa, emitidos por organismos de control acreditados, son favorables”. “A factoría de Lourizán está sometida ao subministro de información periódica sobre o cumprimento destes parámetros e a un estrito réxime de inspeccións e verificacións, baseadas en criterios obxectivos e realizadas por funcionarios imparciais”, insistiu.
Respecto da inclusión na nova Lei de cambio climático dun artigo que modifica a Lei de costas, o deputado popular explicou que “o que está a facer o PSOE é acurtar a duración das concesións de todas as industrias que están na costa galega, sen distinción algunha”. En concreto, apuntou que esta norma “repercutirá moi negativamente en todo o litoral galego, onde se realizan actividades respectuosas co medio ambiente e constitúen o modo de vida de milleiros de familias, que podería supoñer a perda de 37.000 postos de traballo e 10.000 millóns de euros”.