Santiago, 16 de febreiro de 2021.- O Grupo Popular insistirá no Pleno da vindeira semana en demandar ao Goberno de España a construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia en Ferrol, que dea carga de traballo ata o inicio dos traballos das fragatas F-110. Así mesmo, demandará a posta en marcha dunha serie de medidas, tanto por parte do Goberno central como da Xunta de Galicia, que faciliten a conciliación e a corresponsabilidade, así como a aprobación a nivel nacional da Lei de igualdade salarial para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, explicou que na sesión plenaria da vindeira semana procederase á elección dos membros dos Consellos Sociais das tres universidades galegas.
APROBACIÓN DE NOVAS LEIS
A continuación, procederase ao debate para a súa aprobación das proposicións de lei, impulsadas polo Grupo Popular, de modificación da Lei de saúde de Galicia, e de simplificación administrativa e de apoio á recuperación económica de Galicia; así como do proxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
A sesión plenaria inclúe, ademais, o debate das propostas de resolución da revisión do Plan Forestal de Galicia, “o principal documento estratéxico do bosque que establece o compromiso para as vindeiras xeracións e unha senda política, económica e social que afectará aos distintos gobernos de Galicia nos próximos vinte anos”. Entre as prioridades estratéxicas deste documento destacan blindar a sustentabilidade do monte, compatibilizando o plano ambiental e socioeconómico; garantir a súa biodiversidade e aumentar a pegada das frondosas autóctonas; estimular a multifuncionalidade; incentivar unha xestión máis participativa; procurar un marco normativo e financeiro favorable e áxil; e reforzar as políticas antiincendios.
Así mesmo, o novo Plan Forestal incorpora medidas para a promoción da rexeneración natural de frondosas caducifolias ata alcanzar as 425.000 hectáreas en 2040; a conservación de soutos de castiñeiro, así como a creación de 16.000 hectáreas máis; a redución dun 5 por cento da superficie de eucalipto, ao tempo que se prevé converter 20.000 hectáreas de eucalipto en montes de outras especies; e a plantación de 20.000 hectáreas máis de coníferas ata 2040, controlando as especies invasoras.
NAVANTIA E CONCILIACIÓN
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular volverá esixir no Pleno que o goberno de España encargue aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun buque de acción marítima (BAM) para a Armada Española, que permita dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar.
Pedro Puy lembrou que os orzamentos do Estado para 2018, aprobados polo Goberno de Mariano Rajoy, contemplaban unha partida de 250 millóns de euros para iniciar os traballos das fragatas F-110 nos estaleiros de Ferrol. “Porén, estamos moi preocupados porque levamos desde ese ano sen que se execute esta partida e sen noticias de que tampouco se leve adiante este ano, polo que é necesario o encargo para a construción dun buque-ponte que dea carga de traballo a curto prazo a estes estaleiros”, sinalou.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo fomentar a posta en marcha de medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorpore a perspectiva de xénero, así como a implantación de plans de igualdade nas empresas para corrixir potenciais desigualdades salariais existentes.
Esta iniciativa tamén demanda ao Goberno de España a aprobación da Lei de igualdade salarial. Mentres non estea aprobada esta nova norma, pídese que se incremente e dote de recursos suficientes á inspección laboral co fin de conseguir calquera discriminación que, por razón de xénero, se produza no ámbito laboral.
Así mesmo, solicítase a actualización da Lei de conciliación e corresponsabilidade de 1999, onde se teña en conta a nova realidade demográfica, a racionalización horaria e se favoreza a compatibilidade do traballo coa vida persoal e familiar.
Por último, no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará se a Xunta ten coñecemento dalgunha iniciativa do Goberno central para achegar axudas directas e a fondo perdido aos sectores máis afectados pola pandemia sanitaria; e sobre o balance nos últimos catro anos do Programa Emega, con axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres.