Santiago, 13 de febreiro de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, instou hoxe no Pleno do Parlamento a empresas e traballadores a chegar a acordos para resolver o conflito das ambulancias acudindo aos organismo de mediación.
“Tamén os traballadores poden e deben denunciar os presuntos incumprimentos das empresas diante da inspección de traballo e os xulgados, para que o contratante, neste caso a Consellería de Sanidade, poida actuar sobre a concesión”, indicou.
Aurelio Núñez comezou a súa intervención lamentando e condenando os múltiples actos de vandalismo levados a cabo nas últimas datas contra ambulancias do 061, poñendo en risco a saúde ou a vida de galegos e galegas. Neste sentido, amosou a súa “sorpresa e indignación porque os grupos da oposición non rexeitaran, tanto en Comisión como hoxe en Pleno, estes actos de violencia contra as persoas”.
VALORACIÓN DE SOBRESALIENTE PARA A CIDADANÍA
Na súa intervención, o portavoz popular salientou que o servizo de transporte sanitario de Galicia “está moi ben valorado pola cidadanía, cunha media de 9,3 sobre 10”, aínda que lamentou que aos grupos da oposición “as cifras e os datos non lles interesan en absoluto”.
Núñez Centeno subliñou que “15 de 16 comunidades autónomas manteñen o transporte sanitario de xeito idéntico a Galicia, con adxudicacións deste servizo realizadas nos últimos tres anos”. Respecto da comunidade de Baleares, explicou que “facer público o transporte sanitario cústalle ao seu servizo de saúde case o dobre do que significaba a externalización do mesmo, sen melloras ou incrementos da calidade dos servizos”.