Santiago, 29 de abril de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, instou hoxe aos grupos de En Marea, PSOE e BNG a negociar as persoas substitutas da actual Valedora do Pobo e do seu Valedor Adxunto.
“A Valedora ten asumido a súa responsabilidade por unha sentenza que ela non comparte pero que acata, e xa puxo o seu posto a disposición dos grupos parlamentarios, polo que queda en funcións ata que os grupos parlamentarios consensuemos un novo Valedor, porque se ela renunciase a institución quedaría descabezada”, engadiu.
Paula Prado lembrou que na sesión plenaria específica de hoxe, solicitada a petición dos grupos da oposición, “estamos debatendo sobre unha sentenza que se da no marco da cobertura dun posto de funcionario de libre designación, polo que corresponde a un procedemento administrativo, que non penal nin por prevaricación como se está a dicir desde a oposición”.
“A Valedora xa cumpriu a sentenza inmediatamente, volvendo o procedemento ao momento de selección entre os candidatos despois de baremar”, subliñou a viceportavoz popular.
Así mesmo, explicou que o Tribunal Supremo non emitiu unha nova sentenza sobre este caso, “simplemente non aceptou o recurso de casación porque non apreciaba interese casacional, sen entrar non fondo do asunto”.
O ADXUNTO TEN PARTICIPADO NO PROCEDEMENTO
Prado engadiu que, logo da reforma da Lei do Valedor do Pobo, o Adxunto ao Valedor “só pode substituír á Valedora se pasa o seu nomeamento pola Comisión de Peticións e é ratificado pola maioría”, ante o que avanzou que “o Grupo Popular non pode apoiar ao Adxunto xa que este ten participado no procedemento ao asinar a acta na que se nomea á persoa que se designa para o posto de libre designación”.
A viceportavoz popular criticou que a oposición estea a criticar que a Valedora teña renunciado ao posto pero non o abandone, cando “o BNG ten a paternidade deste modelo de continuar no cargo ata que sexa elixida outra persoa” desde o ano 2008, cando un membro do Consello de Administración da CRTVG nomeado polos nacionalistas presentou a súa renuncia que “terá efecto no momento no que sexa elixido o meu substituto polo Parlamento de Galicia”.