21 de febreiro de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “asistimos a unha reedición da triloxía sanitaria favorita da esquerda galega: confusión, bulo e insulto”. “Fronte a este mátrix apocalíptico da oposición, hai un partido que acadou que Galicia xestionase a sanidade, un partido que puxo o sistema sanitario galego no primeiro nivel e un partido que mellor garante o futuro da sanidade pública galega: ese partido foi, é e será o Partido Popular de Galicia”, salientou.
Alberto Pazos manifestou que “a pesar dos problemas que compartimos co resto de España, a saúde dos galegos está nas mans duns dos mellores sistemas sanitarios do mundo”. Neste sentido, lamentou que o BNG “volvera hoxe a propoñer no Pleno o impulso de novidosas ideas que levan desenvolvéndose meses e anos, normalmente co voto en contra de socialistas e nacionalistas”.
“Un bo número das propostas do BNG que hoxe debatemos están encamiñadas a tentar consolidar unha serie de bulos que a oposición galega repite a modo de mantras, a sabendas da súa absoluta falsidade”, sinalou. Así, Alberto Pazos dixo que “a realidade e as matemáticas son aínda máis tozudas que a oposición galega e ambas acreditan que a sanidade galega dispón do orzamento e do cadro de persoal máis alto da historia”.
INSULTO E FALTA DE RESPECTO
Máis en concreto, o viceportavoz popular lembrou que o BNG está a pedir destinar o 25 por cento do orzamento de sanidade a atención primaria, cando xa se dedica cerca do 29 por cento; ao tempo que levan insistindo desde 2018 en incrementar en 200 millóns o orzamento de atención primaria, cando a realidade é que desde esa data o incremento supera os 313 millóns de euros.
Para rematar, Pazos lamentou que “nada resulta máis ofensivo que a permanente obsesión do BNG polo insulto e a falta de respecto, tanto á intelixencia dos cidadáns como aos profesionais do equipo directivo do Sergas”. “Denominaron panda de psicópatas a uns traballadores da sanidade pública galega cunha traxectoria profesional impecable, que dedicaron toda a súa vida a salvar aos demais”, lembrou o viceportavoz popular, quen apuntou que “o silencio da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, é o perfecto epitafio da moderación dos nacionalistas galegos”.