2 de marzo de 2023. A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez lamentou hoxe no Parlamento galego que o BNG rexeitara un acordo para pedir ao Goberno de España a creación dun Xulgado do Penal e dun Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en Ourense, que posteriormente poida especializarse en materia de familia, porque “queren saltarse o criterio da Comisión Mixta entre o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Xunta, quen son quen deciden as necesidades xudiciais en función da carga de traballo e as necesidades de incremento da plantilla”.
“A creación e a modificación de unidades xudiciais corresponde exclusivamente ao Goberno central, unha vez escoitado o Consello Xeral do Poder Xudicial”, incidiu Noelia Pérez, quen concretou que “as necesidades xudiciais da Comunidade galega abórdanse nunha comisión mixta na que están presentes a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.
APOIO DO PP PARA O NOVO XULGADO DO PENAL
A deputada popular afirmou que “os indicadores de entrada que fixa o Consello Xeral do Poder Xudicial para a creación dun novo Xulgado do Penal en Ourense lévanse superando nos últimos catro anos e é previsible que se superen tamén neste 2023”, polo que pediu ao BNG que “elevemos esa necesidade á Comisión Mixta, onde vai contar co total apoio do Partido Popular”.
Porén, manifestou, lembrando as declaracións realizadas polo Presidente da Audiencia de Ourense, que “para a creación dun xulgado exclusivo de violencia de xénero non dan os números” e rexeitou a posibilidade de incorporar outros partidos xudiciais ao de Ourense para evitar “situacións como que unha vítima de Avión teña que desprazarse ata a cidade de Ourense a declarar”.
Noelia Pérez salientou que “a Xunta sempre atendeu, no exercicio das súas competencias, a solicitude de reforzos mediante o sistema de prolongación da xornada dos funcionarios da maxistrada do Xulgado de Violencia de Xénero”.