Santiago, 7 de xullo de 2021.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez lembrou hoxe no Parlamento galego que “os concellos teñen competencia e liberdade para crear e xestionar os conservatorios e as escolas de música”, polo que subliñou que “tanto desde o PPdeG como desde a Xunta respectamos e respectaremos sempre a iniciativa dos concellos que, desde a súa competencia e liberdade, queiran ofertar á veciñanza ensinanzas musicais”.
Elena Suárez explicou que os conservatorios de música “son creados a instancias municipais e a única competencia da Xunta é autorizalos, segundo se recolle no Decreto 223/2010 polo que se establece o Regulamento orgánico dos conservatorios elementais e profesionais de música e danza de Galicia”.
VALOR ENGADIDO AOS CONCELLOS
?️Destacable que a reivindicación do traspaso polo BNG aparece cando hai casos de conservatorios municipais con problemas na súa xestión, «xurde a dúbida se o BNG trae esta iniciativa despois de que se lembraran os problemas no Conservatorio Municipal de Monforte» @suarezsar pic.twitter.com/sRQQkvxK00
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 7, 2021
Neste sentido, lamentou que desde o BNG “se pida agora o traspaso dos conservatorios de música, nun momento no que casualmente hai casos de centros municipais con problemas na súa xestión”. “De non ser así, teñan por seguro que non pedirían que a Xunta asumise eses conservatorios, xa que a ninguén se lle escapa que ter un centro destas características de titularidade municipal da un valor engadido aos concellos”, apuntou.
Respecto do financiamento dos conservatorios municipais, Elena Suárez lembrou a existencia desde 2018 dun acordo entre a Xunta e a Fegamp para introducir achegas para o financiamento dos conservatorios municipais a través do Fondo de Cooperación Local, ademais doutras axudas da Consellería para conservatorios non dependentes da Administración galega.
“Soamente as entidades locais son responsables das súas decisións en canto a prezos públicos e organización de recursos humanos”, manifestou a deputada popular, quen concretou que “estes se estipulan nas súas ordenanzas municipais e nos seus convenios colectivos, aprobados individualmente polos plenos de cada entidade local en plenas facultades das súas competencias”.