Santiago, 6 de xuño de 2017.- O Grupo Popular rexeitou esta mañá no Parlamento a solicitude de En Marea para que a Xunta inicie os trámites pertinentes para a recuperación do 112 como servizo público porque “xa é un servizo público, polo que quizais deberían repasar o dereito administrativo e a Lei de Emerxencias de Galicia”, manifestou a viceportavoz, Paula Prado.
Na súa intervención, Prado lembrou a visita realizada a pasada semana polos deputados da Comisión 1ª ao novo Centro integrado de atención ás emerxencias 112 en A Estrada e afirmou “sentirme orgullosa de poder contar cunhas instalacións á vangarda do século XXI”.
GARANTÍA DE SEGURIDADE
“Considero unha irresponsabilidade política verter falsidades sobre a atención ás emerxencias, porque non se pode facer demagoxia e xogar coa sensibilidade que supón a garantía de seguridade da vida e o patrimonio dos galegos e das galegas”, sinalou.
Paula Prado explicou que “o que pode facer e ten feito a Xunta é ofrecer a súa mediación para que o acordo entre traballadores e empresa adxudicataria se produza”. Neste sentido, subliñou que reuníronse ata en sete ocasións cos representantes dos traballadores, sempre que foron requiridos para abordar as circunstancias do traslado”.
Porén, subliñou que “logo de que os traballadores rexeitaran o oferta da empresa e se declararan en folga indefinida non fixeron ningunha petición de reunión nin de mediación á administración”.