Santiago, 6 de xuño de 2018. O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, manifestou hoxe no Pleno do Parlamento que “unha correcta planificación de camas habilitadas nos hospitais galegos durante a tempada de verán leva aparellada a adecuación dos recursos ás necesidades asistenciais en cada momento, que se obxectivan cos indicadores asistenciais de anos anteriores”. Así, lembrou que o pasado ano 2017 “estiveron funcionantes o 88,9 por cento das camas hospitalarias galegas, fronte a unha ocupación media do 76,1 por cento”.
Aurelio Núñez reiterou que “non é o SERGAS o que planifica á baixa o número de camas habilitadas, senón que non verán diminúe a asistencia ao hospital por diferentes procesos crónicos e, ademais, é o período onde o persoal goza maioritariamente das súas vacacións”.
Así mesmo, indicou que “a diminución de camas habilitadas durante o período de verán é unha práctica que se repite en todos os hospitais de todas as comunidades autónomas, utilizando ou non as camas en función das necesidades asistenciais”.