Santiago, 5 de xuño de 2019.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia “xa conseguiu que a empresa Iberdrola manteña o emprego na comarca de Valdeorras, logo de que a empresa eléctrica se comprometera a minimizar o impacto do proceso de reorganización no centro de operacións que ten na zona, garantindo a continuidade de todos os traballadores”, tal e como confirmou o pasado 16 de maio o director xeral de Enerxía e Minas nunha comparecencia no Parlamento galego.
No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre a posible deslocalización e perda de postos de traballo de Iberdrola na comarca de Valdeorras, Moisés Blanco manifestou que “chegan tarde con esta iniciativa, xa que o Goberno galego ten solicitado directamente á empresa eléctrica o mantemento do máximo emprego na conca do Sil”.
DISTINTA VARA DE MEDIR
En concreto, explicou que “finalmente serán entre seis e nove os traballadores que se trasladen a Salamanca nun proceso de reorganización que durará, cando menos, dous anos, polo que o cadro de persoal que Iberdrola terá na zona continuará preto dos 150 traballadores”.
Moisés Blanco criticou “a distinta vara de medir do BNG cando fala de mantemento dos postos de traballo” e solicitou que “faga o mesmo cos miles de postos de traballo que os nacionalistas e os outros grupos da oposición están a poñer en risco en Galicia co seu veto á industria da minería, ao desenvolvemento de nova potencia en enerxías renovables, á continuidade das centrais térmicas ou ás industrias electrointensivas como ALCOA ou Ferroatlántica, ou a empresas como ENCE, a pesar de cumprir con normas medioambientais cada vez máis esixentes”.
Neste sentido, manifestou que “o seu ataque ao sector mineiro está a prexudicar notablemente á comarca de Valdeorras, onde o 26 por cento do produto interior bruto procede das canteiras, concretamente da lousa, situando o PIB por habitante nesta comarca un 10 por cento por enriba da media de Galicia”.
O deputado popular recordou, ademais, que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Goberno do Estado, “é o organismo encargado da xestión de 75 centrais hidroeléctricas repartidas entre as provincias de Ourense e Lugo, polo que sería o Goberno socialista quen debería implicarse tamén neste asunto e velar polo mantemento dos postos de traballo”.