Santiago, 30 de setembro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo lembrou hoxe no Parlamento que o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo conta desde o ano 2016 cun equipo de ictus, integrado por un grupo de profesionais que traballa de forma conxunta e coordinada para asegurar a mellor atención ao paciente en todo momento.
Encarna Amigo asegurou que no HULA, do mesmo xeito que acontece no Hospital de Monforte e no da Mariña, “aténdese a patoloxía do ictus de acordo cos criterios establecidos no Plan galego de asistencia ao ictus, dunha forma precoz e realizando lisis do trombo e mellorando dun xeito manifesto a efectividade do tratamento desta patoloxía”.
PROTOCOLO DETERMINADO E COORDINADO
Neste sentido, salientou que este plan galego “permite atender, tanto presencialmente como a distancia, a calquera persoa que sufra un ictus en Galicia, establecendo un protocolo detallado e perfectamente coordinado de atención sanitaria, xa que a atención inmediata é a clave fundamental para evitar ou reducir secuelas”.
A deputada popular felicitou aos responsables e traballadores do HULA polo Premio Nacional á mellor atención hospitalaria que lle concederon onte, un recoñecemento que se vén sumar ao concedido o pasado mes de febreiro á Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte como mellor administración sanitaria galega do último ano pola publicación Redacción Médica.
Amigo sinalou que, desde a súa creación no ano 2011, o HULA foi medrando e incorporando novos servizos. En concreto, sobre a atención a pacientes neurolóxicos apuntou que este hospital xa conta con garda de neurocirurxía e de neuroloxía con presenza física as 24 horas.