Santiago, 2 de xullo de 2019.- O Grupo Popular leva ao Pleno da vindeira semana a proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central a transferencia dos 700 millóns de euros que adebeda a Galicia procedentes da actualización das entregas a conta de 2019, a devolución do IVE de 2017 e os incentivos por cumprir coa estabilidade orzamentaria en 2017 e 2018.
Así mesmo, solicitará ao Goberno do Estado carga de traballo para os estaleiros de Navantia en Ferrol, logo do atraso no contrato para a construción das fragatas F-110 e do desvío a Cádiz traballo programado de enerxía eólica mariña.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria inclúe o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia. Esta norma ten como obxectivos fundamentais blindar legalmente os mecanismos de dixitalización implantados nos últimos anos e aproveitar esta dixitalización da administración para cambiar a maneira de prestar servizos, pasando a un modelo de administración máis proactivo, que utilice os datos que manexa a cidadanía para facilitarlle, previo consentimento, os servizos.
A continuación, o Pleno incorpora a comparecencia da conselleira do Mar para informar do impacto das estratexias de desenvolvemento dos grupos de acción local nas zonas pesqueiras de Galicia. Puy explicou que estes grupos “constitúen un instrumento participativo e bo para financiar a economía local, dirixidos ao mesmo tempo á inclusión e á creación de emprego en base a iniciativas xeradas polas propias comunidades pesqueiras”.
PROBLEMAS DE LIQUIDEZ NO TESOURO
Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular na sesión plenaria, Pedro Puy dixo que “solicitaremos ao Goberno central que cumpra coa Comunidade galega e habilite de maneira urxente os mecanismos legais correspondentes para transferir os 700 millóns de euros comprometidos para 2019 e que aínda adebeda”.
“O Goberno do Estado e o seu Presidente están alongando sen xustificación o debate de investidura, coa conseguinte falta de decisións políticas para atender as demandas das comunidades autónomas”, indicou o portavoz popular. Neste sentido, afirmou que nesta situación “Galicia comeza a ter problemas de liquidez no tesouro” pola falta de abono dos 700 millóns que se lle adebedan, “un problema que podería afectar aos pagos, supoñer custes para a administración e, incluso, pode chegar a ter que efectuar recortes no gasto”.
O Grupo Popular defenderá no Pleno unha segunda proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España unha programación inmediata de carta de traballo suficiente para os estaleiros de Navantia en Ferrol. Pedro Puy manifestou que “sería bo, logo do retraso no contrato das fragatas F-110 e do desvío de a Cádiz de traballo programado para o estaleiro ferrolán en materia de eólica mariña, que o Goberno central programase algún tipo de carga de traballo para impedir o baleiro de traballo que se producirá nos próximos dous anos”.
Dentro do apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as medidas adoptadas ante o Goberno central para que rectifique a súa decisión de privar ao Polígono de Balaídos en Vigo de enganche á rede de 200 quilovoltios; a súa valoración sobre a campaña de verán 2019 para os mozos e mozas galegos; e sobre as medidas que está levando a cabo para dar cumprimento ao acordo aprobado no Parlamento sobre a modificación da normativa que regula o IRPF para que a axuda percibida polo mozo dentro do Programa de Desenvolvemento Rural Galego 2014-2020 non tribute no primeiro ano na súa totalidade, senón que se reparta durante o período de amortización do activo adquirido.
ACORDO PARA FACILITAR A ACTIVIDADE DA OPOSICIÓN
Por último, Pedro Puy salientou o “acordo unánime acadado por todos os grupos parlamentarios para que a oposición poida realizar a súa actividade política de control e impulso ao Goberno galego”, con motivo da constitución do Grupo Mixto.
“Estamos nun Parlamento no que os grupos da oposición poden traballar con medios materiais e humanos, e con tempo e iniciativas parlamentarias, unha situación que contrasta coa que estamos a ver nalgunha importante cidade galega na que a oposición ten enormes dificultades para facer o seu traballo tanto de medios como de presenza en órganos de control ao goberno”.