Santiago, 15 de xuño de 2021.- O Grupo Popular introduciu na orde do día do Pleno do Parlamento galego da vindeira semana a toma en consideración da proposición de lei para o recoñecemento da violencia de xénero dixital. Así mesmo, demandará ao Goberno central, a través de sendas proposicións non de lei, que respecte os pactos sucesorios en vida recoñecidos no Dereito Civil galego e que abandone a súa intención de instalar proxectos eólicos fóra das áreas definidas no Plan Sectorial Eólico vixente en Galicia.
?️O @ppdegalicia pedíu a incorporación no próximo Pleno do @Par_Gal da reforma da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero para introducir na lei, do mesmo xeito que a violencia vicaria, a violencia dixital pic.twitter.com/q9u4XcaVaI
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 15, 2021
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy considerou necesario definir a violencia de xénero “non só para identificar ás vítimas e poñer á súa disposición todos os recursos precisos para a súa atención, senón que temos que ser capaces de poñer en marcha políticas de prevención da sextorsión, o ciberbulling, o grooming ou o ciberacoso e abuso sexual a menores de idade”.
Considérase violencia de xénero dixital aquela realizada por un agresor, garde ou non relación conxugal (de parella ou análoga de afectividade no presente ou no pasado) ou de parentesco coa vítima, coa única finalidade de discriminación, dominación, control e intromisión sen consentimento na privacidade da vítima. Así mesmo, terán a consideración de actos de violencia dixital contra a muller os exercidos por homes do seu contorno familiar, social, profesional ou académico.
Puy engadiu que “unha das cuestións que imos coñecendo é que, por razóns do uso das novas tecnoloxías, as mulleres máis novas son as máis afectadas pola violencia dixital”, xa que o ciberacoso ten unha incidencia maior na adolescencia e, por tanto, convértese na idade de maior vulnerabilidade.
COMPARECENCIA ALFONSO RUEDA
A continuación, o Pleno inclúe a comparecencia do vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, por petición propia, para informar sobre a situación do sector turístico galego e o apoio da Xunta ao bienio xacobeo, “unha excelente ocasión para recuperar a economía galega logo de que o Ano Santo se prolongase ata 2022”.
Dentro do apartado das proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España que non proceda á tramitación e autorización dos proxectos eólicos da súa competencia que supoñan a implantación fóra das áreas definidas polo Plan Sectorial Eólico vixente en Galicia nin daqueles que se atopen en Rede Natura.
?O @ppdegalicia defenderá no Pleno instar ao Goberno de Estado que non proceda a tramitación dos proxectos eólicos fora das áreas definidas polo plan eólico vixente en Galicia e modificación do RD para ampliar os prazos de tramitación dunha enerxía sostible e rentable pic.twitter.com/nmdaNtSp7i
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 15, 2021
O portavoz popular subliñou que, acolléndose ao Plan Sectorial Eólico de Galicia, “a Xunta xa informou negativamente 36 proxectos que tramita o Goberno central en Galicia”, polo que tamén se pide que o Ministerio proporcione información clara e veraz sobre a instalación de proxectos eólicos en diversas zonas protexidas da Comunidade galega, ao tempo que se solicita que amplíe o prazo de tramitación dos proxectos eólicos para evitar a presión xerada polo Goberno central co establecemento dunhas datas moi axustadas e prexuízos económicos importantes no caso de non cumprirse.
A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central respecte a autonomía financeira e a capacidade normativa en materia tributaria que a Constitución, o Estatuto de Autonomía e as leis recoñecen a Galicia, en concreto suprimindo na tramitación do proxecto de Lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal o artigo que declara como comportamento fraudulento toda venda dos bens recibidos a través de pactos sucesorios en vida regulados no Dereito Civil de Galicia.
?️O @ppdegalicia defenderá no Pleno a demanda ao Goberno do Estado que respecte a autonomía financeira e a capacidade normativa en materia tributaria que as leis lle recoñecen a Galicia, sinala Pedro Puy pic.twitter.com/lNj25uxJKd
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 15, 2021
EMENDA SOCIALISTA
Pedro Puy referiuse á emenda presentada polo Grupo Socialista no Senado a este proxecto de lei para limitar a cinco anos os efectos que tería esta modificación. “É un paso adiante, pero seguimos mantendo que o razoable sería suprimir ese artigo para eliminar o marco temporal, porque se se pensa que hai fraude, a Administración terá que demostralo”, indicou.
Dentro do apartado de preguntas, os deputados do Grupo Popular interesaranse polo desenvolvemento do programa Aprol de economía social, para saber a canto ascende a previsión orzamentaria neste ano 2021 e a cantas cooperativas prevé beneficiar; e sobre os pasos que vai seguir a Xunta para seguir impulsando a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.
Unha terceira pregunta do Grupo Popular ten como obxectivo coñecer a valoración da Xunta sobre o trato diferente dispensado polo Goberno central á modificación da Lei de saúde de Galicia fronte a Decreto-Lei de reforma da Lei de saúde pública de Baleares, a pesar de ter un idéntico contido. Neste sentido, Puy considerou “un sinsentido que o Estado recorra ante o Tribuna Constitucional un artigo dunha lei galega e deixe implantar un decreto-lei do Goberno balear co mesmo texto, o que denota que o Goberno de España ten unha actitude con Galicia distinta á que ten con outros gobernos da súa mesma cor”.
?Non é de recibo que Estado recurra un artigo da lei de reforma da Lei de Saúde de Galicia e que un artigo dunha lei balear idéntico ao galego estea en vigor tramitado polo PSOE de Baleares,mentres o PSOE nacional recurre o galego en connivencia co PSdeG, sinala Puy @ppdegalicia pic.twitter.com/Hyc8ceFUa8
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 15, 2021