O Grupo Popular incorporou á orde do día do primeiro Pleno deste novo período de sesións, que se celebrará a vindeira semana, o debate da proposición de Lei, para a súa remisión ao Congreso, de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Xunta de Galicia, unha vez que a iniciativa que xa se estaba a tramitar na Cámara Baixa decaeu pola convocatoria das eleccións xerais. Así mesmo, o Grupo Popular demandará que o Parlamento galego exprese o seu firme compromiso na defensa da Constitución de 1978 e da independencia do Poder Xudicial, así como que a Xunta potencie a investigación no eido da medicina xenómica.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, lembrou o compromiso de “centrarnos en atender os problemas reais dos galegos e continuar reivindicando as prioridades que Galicia precisa que sexan atendidas e que, en moitos casos, están a ser adiadas de maneira permanente polo Goberno de Pedro Sánchez”. Deste xeito, informou que “a primeira iniciativa que introducimos na orde do día do Pleno é a proposición de Lei orgánica para a transferencia da titularidade e a competencia da AP-9 á Xunta, unha reivindicación longamente explicitada polo conxunto da Cámara galega que decaeu pola convocatoria precipitada de eleccións que fixo Pedro Sánchez”.
“Unha vez que están constituídas as novas Cortes Xerais e cumprindo o compromiso de que iamos reivindicar estas cuestións fose cal fose a cor do Goberno de España que finalmente se constitúa, a nosa primeira reivindicación é a transferencia da AP-9 a Galicia, unha vía fundamental para a comunicación do 60 por cento da poboación galega que está sufrindo unha situación clara de discriminación, tanto na súa xestión, que entendemos debe ser de carácter autonómico, como no tratamento das súas peaxes”, concretou.
Alberto Pazos sinalou que “agardamos contar co apoio dos grupos da oposición para esta reivindicación para que deste xeito se volva producir esa reivindicación unánime por parte do Parlamento galego, que xa tiña que terse producido hai tempo”.
A orde do día da sesión plenaria inclúe tamén a comparecencia do conselleiro do Mar, a petición propia, para informar das previsións e das liñas xerais de actuación do seu departamento. “Un sector que ultimamente non está a ser ben tratado polas autoridades europeas nin defendido polo Goberno de España, polo que a esperanza do sector do mar recae fundamentalmente na defensa dos seus intereses que faga a Consellería do Mar”, sinalou o portavoz popular.
DEFENSA DA CONSTITUCIÓN E IMPULSO MEDICINA XENÓMICA
Dentro do apartado de proposicións no de lei, o Grupo Popular demandará que o Parlamento galego exprese o firme compromiso na defensa da Constitución de 1978 e dos valores democráticos que se ven reflectidos no seu artigo primeiro; e na defensa da independencia do Poder Xudicial, que non pode ser usado como elemento de negociación mediante cesións esixidas por partidos independentistas para garantir a continuidade dun goberno.
Pazos lamentou que nestes momentos “estase a mercadear cos contidos da propia Constitución, formulando iniciativas sorprendentes que falan ás claras de transgredir os límites constitucionais, como a posible celebración de referendos en determinadas comunidades para tratar asuntos que competen ao conxunto dos españois; ou se estea a falar de argallar unha posible amnistía que, evidentemente, despois do esperpento que vivimos cos indultos, parece que agora se quere repetir esta circunstancia de maneira máis ampla e xeneralizada, deixando sen castigo non só un delito, senón que tamén eliminando a propia comisión do delito”.
En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará que a Xunta potencie a investigación no eido da medicina xenómica, co establecemento de acordos de investigación con outras entidades que permitan xera un valor engadido en materia de detección precoz aos traballos realizados pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
“Galicia aspira a liderar a innovación no eido da medicina en España”, salientou Alberto Pazos, quen contrapuxo esta situación “aos mantras reiterados que cuestionan a calidade da sanidade galega”. Neste sentido, apuntou que “Galicia leva moito tempo á vangarda da prestación sanitaria, sen negar os problemas que sufrimos relacionados coa falta de previsión do Goberno de España na dotación de novas prazas de formación para determinadas especialidades sanitarias”.
Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas políticas impulsadas en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero nos últimos anos; sobre as vías articuladas pola Xunta para ampliar o parque de vivenda pública e protexida en Galicia; e sobre a exclusión de Galicia, e do conxunto do itinerario noroeste do Corredor Atlántico, do órgano xestor encargado de coordinar o transporte ferroviario europeo de mercadorías.