O Grupo Popular solicitará no Parlamento de Galicia “o impulso definitivo á tan ansiada cuarta fase do polígono industrial Lalín 2000, unha actuación estratéxica para avanzar no desenvolvemento económico e a creación de postos de traballo neste concello e en toda a comarca do Deza”.
Os deputados do Grupo Popular celebraron hoxe en Lalín a súa habitual reunión dos luns, na que avanzaron os asuntos que levarán mañá á Xunta de Portavoces para a súa inclusión no Pleno da vindeira semana.
Posteriormente, o portavoz popular, Alberto Pazos, acompañado dos viceportavoces, Paula Prado, Julio García Comesaña e Cristina Sanz, trasladáronse ata a Casa Consistorial, onde mantiveron un encontro co alcalde de Lalín, José Crespo.
Nesta xuntanza, os portavoces populares avanzaron que o Grupo Parlamentario solicitará no Parlamento de Galicia impulso definitivo á cuarta fase do polígono industrial Lalín 2000, “unha ampliación que parte do concepto de parque ecolóxico sostible buscando un perfil de uso comercial e con naves de tamaño máis pequeno”.
FIRME COMPROMISO DA XUNTA
“Esta actuación conta co firme compromiso da Xunta para a súa realización, que se manifesta na partida de 4,4 millóns de euros que xa figura nos orzamento da Xunta para o presente ano 2025”, sinalou Alberto Pazos.
Ademais, apuntou que “a boa sintonía existente entre os responsables da Xunta e do Concello de Lalín facilitará que esta obra sexa unha realidade máis pronto que tarde, para que as empresas de toda a comarca poidan dispor de solo para levar adiante os seus proxectos mantendo a Lalín como unha localidade de referencia económica e industrial no interior de Galicia”.
Así mesmo, o alcalde de Lalín trasladou aos portavoces do Grupo Popular a proposta para a posible conexión por autovía de Lalín, Agolada e Melide a través dun ramal que una, desde Agolada, a futura autovía Pontevedra-Cerdedo-Lalín-Lugo coa autovía A-54 Santiago-Lugo en Melide. “Trátase dun proxecto ambicioso que o Grupo Popular vai estudar e valorar na súa xusta medida, porque somos conscientes das necesidades existentes en materia de comunicación que ten o interior de Galicia, esquecido durante moitas décadas en beneficio do litoral atlántico”, manifestou Alberto Pazos.