Santiago, 28 de xaneiro de 2020.- O portavoz de Universidades do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, asegurou hoxe no Parlamento que a Xunta “non suprimiu título algún no campus de Ourense”, porque a decisión de que novos títulos se crean ou eliminan depende da Universidade de Vigo.
Fernández Prado sinalou que “a realidade práctica demostra que a simultaneidade dos graos de ADE e Enxeñería Informática no campus de Ourense non responde ás expectativas nin ás demandas do alumnado, xa que non existe un fluxo bidireccional entre ADE e Informática”. “Isto é, practicamente a totalidade do alumnado de ADE que se matricula en Informática abandona xa o primeiro ano”, concretou.
TODAS AS PARTES DE ACORDO
“Vistos estes datos, a súa supresión foi valorada dentro do proceso de negociación entre a Xunta e as Universidades de oferta de prazas para o conxunto da Universidade de Vigo, polo que todas as partes estaban informadas e de acordo coa decisión adoptada”, indicou.
Respecto da carreira de Aeronáutica no campus de Ourense, o portavoz popular afirmou que “está blindada e o que se está a tramitar neste momento é o máster”. Neste sentido, apuntou que “a Consellería defendeu dende o primeiro momento a súa postura de colaboración entre as universidades de A Coruña e de Vigo co obxecto de ofertar unha titulación de calidade, á altura dos requisitos da titulación, poñendo á dispor do mesmo os medios cos que conta o Sistema Universitario de Galicia”.
“Ademais, trasladouse aos representantes das dúas universidades a determinación de que a titulación, aínda que resultase interuniversitaria, fora liderada pola Universidade de Vigo, en concreto pola Escola de Enxeñaría Aeroespacial do campus de Ourense, como responsable da impartición do grao”, puntualizou.