Santiago, 2 de marzo de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou hoxe no Parlamento galego a oposición a calquera modificación da normativa ou decisión do Goberno central que poida implicar a supresión dos partidos xudiciais actualmente existentes ou a redución de competencias para a celebración de vistas e práctica de dilixencias e actuacións nas actuais sedes dos partidos xudiciais existentes.
Paula Prado afirmou que o anteproxecto de Lei de eficiencia organizativa presentado polo Goberno de España implica reformas para implantar novas estruturas organizativas no ámbito da Administración de Xustiza, pero non a supresión de partidos xudiciais, senón a implantación de 431 tribunais de instancia, que operarán de xeito colexiado”.
Deste xeito, avogou por “esperar á tramitación desta iniciativa lexislativa e á concreción no texto que finalmente resulte das Cortes Xerais no que se determine finalmente o deseño organizativo para comprobar a súa afección á planta xudicial galega”.
Así mesmo, Paula Prado explicou que “en cada orzamento anual do Estado se establece o número de xulgados a crear e o Ministerio de Xustiza é quen lle asigna o número a cada territorio, pero, polo de agora, non ten comunicado o inicio da tramitación para a creación de novos xulgados con cargo á programación de 2022”.
“Cando o Ministerio de Xustiza inicie o trámite para a creación de novos xulgados e se dirixa á Xunta para este trámite, será o momento no que o Goberno galego se reúna co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para determinar conxuntamente as necesidades prioritarias de creación, en función do concreto e limitado número de xulgados que o Ministerio lle asigna a Galicia”, apuntou.