O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe que «pechamos o período de sesións no Parlamento de Galicia coa satisfacción do deber feito e listos afrontaremos o novo período de actividade parlamentaria con todo o ánimo para seguir levando adiante os compromisos adquiridos con todos os galegos e defendendo a un Goberno galego, presidido por Alfonso Rueda, que seguirá traballando na defensa do conxunto da sociedade galega”.
Nunha comparecencia para facer balance da actividade parlamentaria, na que estivo acompañado dos viceportavoces do Grupo Popular Paula Prado, Julio García Comesaña e Cristina Sanz, Alberto Pazos indicou que afrontamos “un momento no que o debate do novo modelo de financiamento e a consecución de novos traspasos de competencias á Galicia, como a definitiva sobre o noso litoral, a AP-9 ou as relativas á meteoroloxía, serán ámbitos de debate político; sen esquecer a toma de novas decisións para mellorar os servizos públicos que se prestan a todos os galegos, tanto no ámbito sanitario, como no educativo ou na atención aos nosos maiores e máis novos”.
OPOSICIÓN LEAL E DEFENSORA DOS INTERESES DE GALICIA
“Estaremos listos e dispostos para todo iso e esperamos atopar enfronte a unha oposición leal a Galicia e defensora dos seus intereses, pero, lamentablemente, a súa estreita relación co Goberno socialista de Pedro Sánchez prívalles de mirar exclusivamente cara Galicia, converténdose en tontos útiles dun Goberno central extorsionado polo independentismo catalán e vasco”, manifestou o portavoz popular, quen lamentou que “estamos vivindo un dos momentos máis caóticos da historia de España polos incontables casos de corrupción que asolan ao propio Goberno, ao Partido Socialista e, directamente, ao entorno do Presidente Sánchez”.
Diante desta situación, subliñou que “desde o PPdeG, desde o Grupo Popular e, estamos seguros que tamén desde o Goberno galego, imos continuar facendo todo o posible para que Galicia se manteña afastada deste barullo mesetario e continúe pola senda de estabilidade e prosperidade da que, felizmente, gozamos todos os galegos nestes últimos anos gracias aos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e de Alfonso Rueda”.
INTENSA ACTIVIDADE LEXISLATIVA
Respecto da actividade desenvolvida no Parlamento galego, Alberto Pazos destacou tres cuestións principais. En primeiro lugar, a aprobación de cinco novos textos lexislativos neste período de sesións que se pecha: a Lei dos orzamentos da Administración galega para 2025, coa que os galegos volven ter, por décimo sexto ano consecutivo, unha contas en tempo e forma; a Lei de medidas fiscais e administrativas, coa que se pon a disposición dos concellos a posibilidade de habilitar unha taxa turística e se da un novo impulso ao sector eólico galego; a nova Lei de estatística, aprobada por unanimidade; a Lei de cultura inclusiva e accesible, que contou coa abstención dos tres grupos da oposición; e, finalmente, a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
Respecto desta última norma, Pazos lembrou a súa importancia ao garantir que “calquera proxecto que se desenvolva na nosa terra relacionado coa produción de enerxía redunde en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación, e, o que é máis importante, respectando totalmente o noso medio natural e sen mermar nin unha soa garantía ambiental”. Neste sentido, lamentou que esta Lei non contara co apoio dos grupos da oposición, “amosando, unha vez máis, a súa incoherencia política, e incidindo nas súas teimas dunha industria eólica sen muíños, unha minería sen minas, unha industria sen factorías, un turismo sen turistas, emprego sen empresas, e queren a colleita pero non están dispostos a traballar a terra”.
Unha segunda cuestión destacada polo portavoz popular foi a relativa á “obsesión que teñen os grupos da oposición respecto do suposto uso abusivo da maioría que ten o Partido Popular neste Parlamento”. Neste punto, Alberto Pazos negou este feito usando datos como que o 75 por cento das iniciativas que integran as ordes do día dos Plenos son a proposta dos grupos da oposición; que a aprobación por unanimidade das proposicións non de lei supera o 45 por cento en Pleno e o 55 por cento en Comisión; ou que máis do 37 por cento das iniciativas aprobadas en Comisión son a proposta dos grupos da oposición.
“A oposición é quen de poñer enriba da mesa a práctica totalidade dos asuntos que se van a tratar en cada Pleno, facendo de escaparate ás súas ideoloxías e, no caso das iniciativas de control ao Goberno, tendo diante aos responsables da Xunta para contrastar as súas opinións”, lembrou o portavoz popular, quen incidiu que “felizmente os galegos poden comprobar como Pleno tras Pleno e comisión tras comisión as propostas dos grupos da oposición acaban totalmente diluídas ao contrastar as súas demagóxicas demandas coa realidade da acción do propio Goberno galego, das propostas do PPdeG ou da mesma realidade social galega”.
OBXECTIVOS CUMPRIDOS
Por último, Alberto Pazos referiuse á Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración galega e recoñeceu “a nosa satisfacción por un traballo ben feito e que permitiu cumprir os obxectivos que nos marcamos ao comezo desta Comisión: poñer en valor a boa xestión dos Gobernos do PPdeG tanto na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo como en todas as contratacións públicas realizadas ao longo dos últimos anos”.
“Foron 38 comparecencias e milleiros de folios de documentación oficial os que respaldaron o bo facer dos Gobernos do PP e botaron abaixo as pretensións de BNG e PSdeG de poñer en dúbida a xestión dos Gobernos de Alberto Núñez Feijóo e de Alfonso Rueda, porque nin houbo sobrecusto na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, como ben clarexaron tanto o actual conselleiro maior do Consello de Contas como o anterior; nin se puido constatar a máis mínima sombra de ilegalidade nas contratacións realizadas pola Xunta desde o 2009 ata a actualidade”, asegurou.