17 de xaneiro de 2023. O Grupo Popular solicitará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central dote no prazo máis breve posible dos trens AVRIL á rede de alta velocidade ferroviaria galega, así como que estenda a rebaixa do IVE aplicada aos alimentos básicos á carne, o peixe e ás conservas.
Ao remate da Xunta de Portavoces celebrada esta mañá, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria da vindeira semana dará comezo coa comparecencia do conselleiro de Sanidade, a petición propia, para dar conta dos programas de prevención da saúde pública. En concreto, falará dos resultados das campañas de vacinación levadas a cabo nos últimos meses, así como dos programas de prevención do cancro de mama, colon e cérvix.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular requirirá ao Goberno central que garanta os tempos de viaxe do AVE comprometidos, dotando á rede ferroviaria da Comunidade galega de trens AVRIL no prazo máis breve posible. Puy salientou a importancia de dotar deste material ferroviario “que permite a adaptación automática ao ancho de vía, reducindo os tempos de viaxe e incrementando a comodidade dos viaxeiros que optan por este medio de comunicación”.
REBAIXA DO IVE
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno de España inclúa a carne, o peixe e as conservas na rebaixa do IVE aprobada para os produtos alimentarios básicos, co obxectivo de estimular a demanda interna e un consumo máis san, así como a mellora as previsións de crecemento da economía nestes sectores. “Non é lóxico facer esta exclusión, máximo cando o propio Ministerio de Agricultura está a recoñecer unha baixa no consumo de carne e peixe do 15 por cento”, dixo Pedro Puy.
Por último, e dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola súa valoración sobre a intención do Goberno de Pedro Sánchez de modificar o Código Penal para derrogar o delito de sedición; sobre a entrada en funcionamento na nova estación de autobuses de Vigo; e sobre o impulso da formación profesional básica en Galicia.