O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno da vindeira semana que garanta o acceso das cidades de Lugo e Ferrol á alta velocidade ferroviaria en condicións de igualdade co resto do territorio galego. Así mesmo, solicitará que o Goberno de España un reparto xusto das axudas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual nas linguas cooficiais distintas ao castelán, que están a privilexiar ao catalán outorgándolle o 70 por cento dos fondos totais cada ano.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que na sesión plenaria da vindeira semana procederase ao debate para a súa aprobación definitiva da nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, “coa que a Comunidade galega será a primeira en facer realidade que o aproveitamento da nosa riqueza natural se transforme en riqueza social para o conxunto dos galegos”.
XESTIÓN RESPONSABLE DOS RECURSOS NATURAIS
En concreto, apuntou que “permitirá asegurar unha xestión responsable dos recursos naturais, de maneira que se protexa o medio ambiente e se cree riqueza que impacte en beneficios para o territorio e as súas xentes, respectando en todo momento as máximas esixencias medioambientais para a implantación destes proxectos”.
Así mesmo, na sesión procederase ao debate de toma en consideración da iniciativa lexislativa popular para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras, unha vez cumpriu todos os trámites necesarios.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará ao Goberno central que garanta o acceso das cidades de Lugo e de Ferrol á alta velocidade, en condicións de igualdade co resto do territorio, para o que se considera imprescindible a execución das actuacións precisas para adaptar a infraestrutura ferroviaria actual ás necesidades do AVE, en concreto obras específicas como as variantes de Canabal-Os Peares, Rubián ou Betanzos.
Alberto Pazos celebrou a chegada dos trens AVRIL a Galicia, a pesar do caos e das numerosas incidencias que se están a producir e que causan molestias aos viaxeiros, pero considerou “necesario que este servizo se amplíe a todas as cidades galegas e que poidan gozar da alta velocidade ferroviaria”. “A realidade é que cidades como Lugo ou Ferrol seguen excluídas da chegada do AVE porque as infraestruturas actuais non permiten que circulen os trens Avril, o que, ademais dun agravio, implica unha perda de oportunidades desde o punto de vista social e económico”.
NOVA ALDRAXE A GALICIA
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver co que o portavoz popular considerou “unha nova aldraxe do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia: o reparto das axudas para a creación de proxectos audiovisuais en galego ou en calquera outra lingua cooficial de España, para dobraxe ou para accións de promoción, entre outras”.
Pazos explicou que o Goberno central está a destinar arredor do 70 por cento deste fondo a Cataluña, ante o que a Xunta xa ten amosado o seu desacordo cos criterios de reparto utilizados polo Goberno de Pedro Sánchez. Deste xeito, avogou porque o Parlamento galego tamén se pronuncie neste sentido e se solicite ao Goberno de España que garanta un reparto máis xusto e máis consecuente destas axudas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual nas distintas linguas cooficiais.
No que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas que está a adoptar para impulsar o uso da lingua galega e o neofalantismo, con especial atención ao incremento do uso do galego entre a mocidade; pola repercusións que terá no financiamento dos concellos galegos as últimas decisións adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez, tanto en materia de prestación dos servizos sociais, como na xestión dos residuos ou a lei de benestar animal; e pola situación na que se atopan os exames de avaliación para acceder á universidade, onde Galicia está a levar a dianteira ás demais comunidades autónomas, unha vez que xa ten definidos os modelos de exame da nova selectividade.