O Grupo Popular pedirá o apoio do Parlamento de Galicia á candidatura da cidade de Lugo como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública, “unha entidade que contribuirá ao desenvolvemento e fortalecemento institucional de Galicia e a consolidar a esta Comunidade e a esta cidade como referente na prevención; control e vixilancia das enfermidades; a protección; e a promoción da saúde”, manifestou o portavoz popular, Alberto Pazos.
“Estamos a falar dunha axencia clave para o fortalecemento do sistema nacional de saúde, a mellora da coordinación institucional e a protección da saúde de todos os cidadáns, e pedimos que a súa sede se implante en Lugo non só pola situación privilexiada no noroeste peninsular desta cidade, senón tamén porque esta cidade presenta unhas condicións especialmente particulares: unha universidade cunha ampla traxectoria no ámbito biosanitario; un referente nacional en materia de saúde e seguridade alimentaria, como é o Laboratorio Central de Saúde Pública; ou os novos servizos sanitarios lucenses, como o Centro Integral de Saúde ou o Hospital Lucus Augusti”, explicou.
OPORTUNIDADE PARA A COHESIÓN TERRITORIAL
Alberto Pazos afirmou que desde o Grupo Popular, e especialmente a súa deputada que impulsou esta proposta, Elena Candia, que está traballando intensamente para que Lugo sexa a sede definitiva desta axencia estatal, “consideramos que a descentralización de organismos estatais representa unha oportunidade para fomentar a cohesión territorial e ofrecer oportunidades ás cidades da España interior”.
Por este motivo, avogou porque “esta solicitude teña neste Parlamento galego o máximo respaldo posible por parte dos grupos da oposición, para que Lugo poida comezar unha nova etapa de decisións favorables desde o Goberno de Pedro Sánchez, logo dos reveses ou abandonos que vén sufrindo por outras decisións adoptadas polo Goberno central, que impediron a implantación de importantes proxectos industriais nesta provincia; provocaron a desconexión eléctrica de toda a provincia, coa escusa de castigar o proxecto de Altri; ou son causa directa dos retrasos na construción de autovías que comuniquen Lugo con Santiago ou Ourense, ou mesmo da chegada do tren de alta velocidade a esta provincia, así como a mellora dos servizos de cercanías”.
NOVA ALDRAXE COA TRANSFERENCIA DA AP-9
Por outra banda, o portavoz popular criticou a “nova afronta” protagonizada polo Goberno de Pedro Sánchez contra Galicia logo do acordo acadado entre o Goberno central e o Goberno de Navarra para o traspaso da titularidade dos tramos da autoestrada AP-68 Bilbao-Zaragoza que discorren por territorio da Comunidade Foral.
“Unha axilidade no acordo e no traspaso desta autoestrada que contrasta vergoñentamente coa aldraxe coa que o Goberno de Pedro Sánchez está a tratar a transferencia a Galicia da AP-9, que conta co respaldo de todas as forzas políticas do Parlamento galego, pero que Pedro Sánchez e a Presidenta do Congreso se encargaron de atrasar con 60 prórrogas ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei”, sinalou.
Neste sentido, amosouse convencido de que “só un cambio do Goberno do Estado vai permitir que a AP-9 pase a mans da Xunta e que Galicia reciba o mesmo trato que se lle presta a outras comunidades autónomas, e para iso imos traballar porque os galegos non merecemos que o actual Goberno central se estea burlando de nós, un día si e outro tamén, negándonos non só a titularidade da AP-9, senón privándonos de impulsar proxectos industriais estratéxicos para a nosa Comunidade ou deixando a deber case 3.000 millóns de euros para a atención dos nosos dependentes”.