A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, pediu hoxe a BNG e PSdeG que “abandonen esa estratexia deliberada de desprestixio da sanidade pública galega” e acusounos de “ser incapaces de reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez máis médicos, de votar a favor das medidas da Xunta para cubrir as prazas de difícil cobertura e mesmo rexeitan iniciativas para previr a violencia contra os sanitarios”.
“Recoñecendo que queda marxe de mellora e que niso está o Goberno galego, hoxe a sanidade en Galicia ten máis actividade, menos espera, mellores resultados e responde con eficacia aos retos presentes e futuros”, afirmou a portavoz popular, polo que demandou aos grupos da oposición “unha política construtiva e capaz de votar a favor das cousas importantes, comezando por unirse ao Partido Popular para facer fronte ao principal problema da sanidade pública en Galicia e en toda España, que é a falta de profesionais que só o Goberno central pode arranxar e non quere facelo”.
REFERENTE DA SANIDADE PÚBLICA UNIVERSAL E DE CALIDADE
Encarna Amigo lamentou que BNG e PSdeG “son incapaces de asumir que hoxe a sanidade en Galicia conta co maior orzamento da súa historia, de aceptar cando os usuarios fan valoracións positivas do sistema de saúde de Galicia ou de recoñecer a evolución da activiade asistencial do SERGAS”. “A gran mentira da esquerda é esquecer que en Galicia somos referente da sanidade pública universal e de calidade”, subliñou.
A portavoz popular recoñeceu que “existen retos e problemas que hai que afrontar para prestar o mellor servizo sanitario aos cidadáns”, pero tamén puxo en valor “o extraordinario traballo, esforzo e implicación que fan os profesionais da sanidade publica galega para incrementar a actividade asistencial en todas as áreas e reducir paulatimente as listas de espera”.
En concreto, salientou que “superamos as 200.000 operacións cirúrxicas nun só ano, o que supuxo incrementar un 5,6 por cento respecto do pasado ano; situando o tempo medio para operarse en Galicia en 67,1 días”. “Somos a terceira comunidade con mellores tempos de espera cirúrxica, mentres que en 2008, cando gobernaban socialistas e nacionalistas, éramos a cuarta comunidade pola cola”, apuntou.