A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, pediu hoxe no Pleno do Parlamento galego a BNG e PSdeG que “deixen de mentir coa quita da débeda, porque nin Galicia vai dispor de máis cartos para investir en servizos públicos nin o Goberno de Pedro Sánchez a calculou en base á poboación axustada”. Así mesmo, pediu ao Goberno central que “libere os case 1.600 millóns de euros que lle ten retidos a Galicia co retraso das entregas a conta e reúna con urxencia ás comunidades autónomas para acadar un acordo sobre financiamento”.
Cristina Sanz criticou que BNG e PSdeG “falan dunha quita da débeda cando en realidade o que se fai é transferir e cambiar de mans esa débeda, facendo que os galegos teñamos que pagar unha parte importante da débeda xerada por outros territorios incumpridores na xestión dos recursos públicos, como Cataluña”.
Así mesmo, negou que coa condonación da débeda Galicia disporá de 4.000 millóns de euros máis de recursos, “xa que esta operación non xera capacidade adicional de gasto para as comunidades autónomas, o que fará imposible investir eses cartos en vivenda, sanidade, educación ou dependencia”. “Se con este acordo un galego pasa a deber 220 euros máis, estamos ante unha ruína de negocio para Galicia”, afirmou.
NOVO SISTEMA DE FINANCIAMENTO
A viceportavoz popular rexeitou, ademais, que o importe da quita da débeda estea calculada en base á poboación axustada de Galicia. “Non se nos están asignando os recursos que nos corresponderían pola poboación axustada, o 6,7 por cento; nin tan sequera por poboación, o 5,5 por cento; senón que a cantidade ofertada supón o 4,8 por cento, porcentaxe inferior a calquera criterio que se escolla”, explicou.
“Se de verdade a BNG e PSdeG lles preocupa o financiamento de Galicia, pídanlle ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra coa súa obriga constitucional de presentar o seu proxecto de orzamentos no Congreso; que actualice as entregas a conta, xa que o Goberno central ten retidos a Galicia case 1.600 millóns de euros; e que reúna con urxencia a todas as comunidades autónomas para acadar un acordo sobre o financiamento que asigne os recursos de maneira equilibrada e suficiente entre todas as administracións”, manifestou.
Cristina Sanz lembrou que “Galicia necesita un sistema de financiamento que atenda os custes de prestación dos servizos públicos, que obxectivamente son máis caros aquí polas nosas características de dispersión e envellecemento da poboación”.