O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo demandou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta axilice a tramitación da ampliación do polígono empresarial de Bértoa en Carballo, completando os trámites necesarios á maior brevidade posible. Así mesmo, pediu que se remate o antes posible a redacción do proxecto, trazado e construción da variante de Carballo, para proceder á licitación da execución da primeira fase desta vía.
Rubén Lorenzo lembrou que a Xunta xa anunciou a recente formalización dos contratos dos proxectos de urbanización e parcelamento, así como do proxecto de expropiación da ampliación do polígono empresarial de Bértoa, “actuacións que se comprometeu a definir e executar en colaboración co Concello de Carballo para atopar as solucións máis adecuadas”.
Respecto da variante de Carballo, o deputado popular explicou que “neste momento estase adaptando o proxecto de trazado ao estipulado no informe de impacto ambiental, co obxectivo de proceder posteriormente á aprobación provisional do proxecto de trazado e iniciar o procedemento expropiatorio coa información pública”.
Neste sentido, lembrou que a Xunta xa dispón dunha partida orzamentaria específica neste 2025 para o desenvolvemento desta variante, así como a previsión plurianual necesaria para a súa materialización.