8 de novembro de 2022. O portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Adrián Pardo, solicitou hoxe ao Goberno central que elimine a obriga de dispoñer de ingresos para poder acceder ás axudas para o alugueiro ou o Plan de Vivenda, xa que esta situación está a impedir que os estudantes sen ingresos poidan acceder a estas subvencións”.
Adrián Pardo criticou que “estamos ante un Goberno de Pedro Sánchez afastado da rúa e apático cos problemas da mocidade”. Neste sentido, lamentou que a xuventude está ante un Goberno central “que centra debates en temas secundarios, mentres a mocidade española segue a sufrir as taxas de paro máis altas de Europa; que en lugar de apostar pola calidade educativa, prefire baixar o listón para empeñar o prestixio da educación española; e que se dedica a actuar en series que despois ninguén quere emitir, en lugar de traballar pola emancipación da xente nova”.
FALACIAS DA OPOSICIÓN
Na súa intervención, o portavoz popular botou abaixo o que denominou “as falacias” do BNG e do PSdeG respecto da xuventude galega. En primeiro lugar, respecto da situación laboral, salientou que “neste momento en Galicia hai 15.000 menores de 30 anos ocupados máis que hai un ano e somos a comunidade coa menor proporción de parados menores de 30 anos”.
Sobre a suposta emigración de xente nova, Pardo manifestou que desde 2009 o saldo migratorio entre os menores de 35 anos é positivo, xa que entraron 16.000 mozos máis dos que saíron. Así mesmo, e recollendo os datos do Consello da Xuventude, apuntou que “en Galicia temos o mercado da vivenda menos excluínte e onde o custo económico para acceder a un alugueiro ou vivenda libre segue a ser dos máis reducidos de España”.
“Ademais, nos orzamentos para 2023 aumentaranse as contías das axudas ao alugueiro por parte da xente nova, dedicando máis de 28 millóns de euros para o bono alugueiro mocidade, as axudas ao alugueiro ou o bono alugueiro social”, engadiu.
Para rematar, Adrián Pardo referiuse ao Plan galego de emancipación e acceso á vivenda dirixido á xuventude, que inclúe axudas para a adquisición de vivendas por parte de xente nova en concellos de menos de 10.000 habitantes e centros históricos, así como avais do 20 por cento do préstamo hipotecario a menores de 35 anos que non dispoñen de aforro para o pago da entrada.