O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferro, instou hoxe aos grupos da oposición a “manter un clima de diálogo, de acordo e de encontro” para consensuar propostas que axuden na promoción e o uso do galego na sociedade actual, “apartando as liortas e traballando en serio con propostas de efecto inmediato e a longo prazo en favor da nosa lingua”.
Ao remate da xuntanza que mantivo co conselleiro de Cultura, José López, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na que tamén estivo acompañado da portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar, José Luís Ferro enmarcou o encontro “no camiño que iniciamos hai un mes para sacar adiante un Pacto pola Lingua”.
En concreto, Ferro indicou que “recibimos unha proposta para proceder á renovación integral do Plan Xeral de normalización da lingua do ano 2004, xa que entendemos que hai moitos aspectos que non concordan coa realidade e co contexto histórico e temporal da actualidade”.