A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, demandou hoxe no Parlamento galego ao Goberno central que “aprobe canto antes a actualización das entregas a conta”. “Aprobación inmediata, si; pero sen chantaxe e sen ser moeda de troco para outros fins que en nada benefician a Galicia”, engadiu.
Cristina Sanz lembrou que “a actual situación de incerteza respecto ao importe que van a recibir as comunidades autónomas en concepto de entregas a conta este 2025 deriva exclusivamente da incapacidade do Goberno de Pedro Sánchez para aprobar uns orzamentos en prazo por segundo ano consecutivo”.
“O Goberno de España ten que actuar, porque a demora na actualización das entregas a conta provoca que as comunidades autónomas teñan que recorrer, para evitar tensións de tesourería, a pólizas de crédito”, indicou a viceportavoz popular. En concreto, dixo que a demora da actualización das entregas a conta o pasado ano supuxo para Galicia un custo de 10 millóns de euros en concepto de maiores xuros, e a estimación para este ano 2025 sitúase en máis de 15 millóns de euros.
REFORMA DO SISTEMA DE FINANCIAMENTO
Así mesmo, Cristina Sanz considerou “imprescindible que se acade canto antes unha reforma do sistema de financiamento autonómico, insuficiente e caducado desde o ano 2014” e reiterou que “a nosa prioridade é conseguir que sexa un sistema de financiamento suficiente en recursos e cun reparto equitativo dos mesmos”. “Galicia leva anos defendendo que o sistema de financiamento debe basearse nun modelo que cubra o custo real dos servizos públicos, sendo a dispersión e o avellentamento as variables que máis impacto teñen no custe dos mesmos”, apuntou.
Respecto da débeda, a viceportavoz popular afirmou que “o acordo asinado entre o PSOE e ERC supón mutualizar a débeda de Cataluña entre todas as restantes comunidades autónomas”. Así, explicou que “a débeda non desaparece ata que se paga, polo que a quita autonómica pasa a engrosar a débeda do Tesouro de España e, polo tanto, a alícuota de débeda de todos os españois medra con esta operación”.
“Os españois máis prexudicados serán os dos territorios menos endebedados, como Galicia, que en termos netos pasan a deber máis”, sinalou Cristina Sanz, quen concretou que, no caso de aplicarse, cada galego debería un 20 por cento menos de débeda autonómica, pero a súa alícuota de débeda española subiría en 1.366 euros. “Ceder ante os cataláns carga a cada galego cunha débeda adicional de 470 euros”, concluíu.