Santiago, 3 de maio de 2018. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, demandou hoxe no Parlamento que a Xunta, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), elabore un informe sobre as vivendas inacabadas en Galicia.
Así mesmo, solicitou que “a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) poida ofrecer aos concellos a asunción das competencias na vixilancia e control dos edificios inacabados para a protección do territorio e o cumprimento da legalidade”.
Martín Fernández lembrou que a Lei 2/2016, do solo de Galicia, “remarca o deber dos propietarios de rematar as edificacións para cuxa execución obtiveron a preceptiva licenza”, ao tempo que “deixa perfectamente establecido que as competencias para facer cumprir esta obriga recae nos concellos, que teñen os mecanismos das ordes de execución, así como as competencias na formulación do planeamento para que concreten as normas de adaptación ao ambiente e a protección da paisaxe”.
Porén, explicou que “os concellos non teñen obriga de informar á Administración autonómica sobre a emisión ou non de ordes de execución, polo que resulta imposible para a Xunta saber con certeza o grao de cumprimento dos deberes sinalados na propia lei”.
O portavoz popular lembrou que “a propia Lei do solo abre a posibilidade de que a APLU poida exercer a competencia de imposición de sancións, sempre e cando estea delegada polo Concello respectivo”. “Esta posibilidade xa foi avanzada pola Xunta e a Fegamp para aplicar nos concellos adheridos á APLU, co obxectivo de facilitar a labor dos concellos na protección do territorio e velar polo cumprimento da legalidade”, indicou.
Fernández Prado rematou remarcando que no PPdeG “somos municipalistas e partidarios de respectar e defender as competencias municipais en materia de urbanismo” e manifestou que a Xunta “fixo e segue a facer os seus deberes coa posta a disposición dos concellos das ferramentas axeitadas e coa máxima colaboración, así como coa convocatoria de diversas liñas de axudas e subvencións para rehabilitación, reforma e remate das vivendas”. En concreto, e a través da catro programas distintos, a Xunta destinará case 10 millóns de euros para a rehabilitación e adecuación de edificios.