Santiago, 20 de decembro de 2018. A deputada do Grupo Popular Raquel Arias defendeu hoxe no Parlamento a corresponsabilidade empresarial como fórmula máis axeitada para dotar de recursos de conciliación aos lugares de traballo, tal e como está facendo o Goberno da Xunta dende o ano 2016 apoiando a construción de escolas infantís en parques e polígonos industriais a través dunha liña de axudas económicas á que xa se acolleron catro entidades empresariais.
Raquel Arias asegurou que hoxe mesmo publícase no DOG a resolución da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica pola que se concede un importe de 200.000 euros á entidade urbanística de conservación A Granxa, no concello pontevedrés do Porriño, para a creación dunha escola infantil en solo industrial.
IMPLICACIÓN DO EMPRESARIADO
Un centro que se sumará ao de Narón, xa en funcionamento; Mos, coa obra xa rematada; e Pobra do Caramiñal, en construción. Arias agradeceu ao empresariado “a súa implicación para favorecer a conciliación corresponsable, uns recursos que ademais de contribuír ao benestar das familias, favorecen o rendemento laboral, o cal redunda no beneficio empresarial”.
Do mesmo xeito, Arias lembrou que a Xunta “comezou dando exemplo aplicando medidas de conciliación”, coa implantación da flexibilidade horaria nos centros de trabalo da Administración e do teletraballo, fórmulas das que se benefician actualmente uns 11.000 empregados públicos; ou mesmo coa ampliación da baixa por maternidade ás 24 semanas para 2019.
A deputada lembrou tamén que a Xunta de Galicia é pioneira na dotación de recursos e servizos de conciliación, complementando as máis de 24.000 prazas de educación infantil sostidas con fondos públicos co Bono Concilia, o Bono Coidado ou as casas niño. Con estes recursos, Galicia se sitúa na actualidade nunha ratio de cobertura do 42 por cento, 9 puntos por riba do recomendado pola Unión Europea.