O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, ofreceu hoxe a BNG e PSdeG a creación no Parlamento de Galicia dunha Comisión non permanente especial de Estudo sobre a posible modificación do himno de Galicia. “A pesar de que polo número de deputados poderíamos constituíla nós de xeito individualmente, consideramos que unha cuestión desta importancia para todos os galegos debe partir da unanimidade de todos os grupos que forman parte deste Parlamento”, manifestou.
No debate da iniciativa lexislativa popular sobre a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, Alberto Pazos comezou a súa intervención agradecendo “o traballo do profesor Ferreiro, pola súa contribución rigorosa que nos achega un mellor coñecemento da obra de Pondal; á comisión promotora desta iniciativa lexislativa popular, por trasladar o debate desas aportacións ao Parlamento galego; e aos 16.000 galegos e galegas que amosaron o seu interese pola nosa cultura e os nosos símbolos asinando esta proposición de Lei”.
Neste sentido, subliñou que “cada ILP debatida neste Parlamento nos reafirma na convicción de que desde o PPdeG acertamos cando decidimos modificar en solitario a Lei de iniciativa popular para facela máis asequible a todos os cidadáns do noso país”.
O portavoz popular explicou que “o posicionamento deste grupo parlamentario coincide co sentir maioritario de institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura de Galicia, cando menos en tres cuestións fundamentais: máxima disposición para estudar calquera nova evidencia científica que aporte luz á cuestión; necesidade dunha análise pausada e reflexiva; e existencia dun amplísimo consenso social, como requisito necesario para introducir calquera cambio no que é patrimonio de todos”.
O MELLOR INSTRUMENTO
“A estes requisitos, queremos explicitar un cuarto, que consideramos imprescindible: namentres o Grupo Popular ostente a maioría, non se producirá ningún cambio nos símbolos de Galicia sen que exista unanimidade parlamentaria”, afirmou. Deste xeito, apuntou que “nosa é a responsabilidade de que os símbolos que os galegos adoptamos de forma consensuada e pacífica non se convertan en causa ou escusa de enfrontamento”. “Non seríamos dignos de representar a este pobo se incorrésemos nun erro de tamaña magnitude”, concluíu.
Alberto Pazos considerou “o mellor instrumento” para a posible introdución de cambios no himno galego a creación dunha Comisión de Estudo no Parlamento de Galicia, “que permitirá abordar esta cuestión sen sometemento aos estritos prazos de tramitación dunha iniciativa lexislativa popular”. “Queremos que entendan esta decisión non como un punto final a esta iniciativa, senón como un primeiro paso para tramitala coas máximas garantías”, dixo.
Así, avanzou que “proporemos que a esta Comisión de Estudo se incorpore o expediente desta iniciativa lexislativa popular e solicitaremos a comparecencia, entre outros, do profesor Ferreiro, para que poda explicar a importancia dos seus achados”.