Santiago, 27 de marzo de 2017.- O Grupo Popular proporá a elaboración consensuada, dentro da Comisión non permanente para a igualdade e para os dereitos das mulleres, dun Pacto galego contra a violencia de xénero, segundo anunciou esta mañá a viceportavoz, Paula Prado. “Ademais, queremos que xuristas e expertos avalíen a posibilidade de incorporar o termo feminicidio na lexislación e os plans vixentes”, avanzou.
Paula Prado anunciou, na súa condición de presidenta da Comisión non permanente para igualdade e os dereitos das mulleres, a convocatoria dunha reunión desta comisión co obxectivo de abrir un prazo para que os grupos parlamentarios presenten as súas propostas de plan de traballo para a presente lexislatura.REMATAR OS TRABALLOS“O noso obxectivo é rematar os traballos realizados durante a pasada lexislatura, na que compareceron arredor de 50 expertos e se recompilou importante documentación sobre igualdade, e convocar unha ponencia para empezar a traballar na elaboración dun Pacto galego contra a violencia de xénero”, sinalou Paula Prado.
A viceportavoz popular avogou porque este pacto galego saia adiante “por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, ao tempo que incorpore as propostas das entidades e dos expertos que participaron na comisión, de xeito que sexa un pacto no que toda a sociedade galega se sinta identificada”.
Prado lembrou que este pacto galego conta xa co antecedente da elaboración das propostas de Galicia para a súa incorporación ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que xa foi debatido no Senado hai unhas semanas. “Naquel momento xurdiron moitas cuestións por parte dos grupos parlamentarios galegos que se cruzaban coas competencias que ten a Comunidade galega e que agora poderemos incorporar a este pacto galego”, engadiu.Así mesmo, Paula Prado avanzou que o Grupo Popular impulsará a presenza de expertos na Comisión de Igualdade para falar do termo feminicidio, de xeito que “se valore a conveniencia de incorporalo aos textos lexislativos actuais”.
AGRUPACIÓN FUNCIONAL
Cuestionada sobre o posible peche de rexistros da propiedade en Galicia, a viceportavoz popular negou que se vaian pechar oficinas en Galicia “porque así o di clarisimamente na súa exposición de motivos o decreto”. “Se trata dunha agrupación funcional” ante unha situación na que existen “rexistros que non tiñan titular porque non era unha praza atractiva desde o punto de vista de volume de asuntos e xa estaban sendo atendidos por un rexistrador dun rexistro colindante”.
“Entendo que a oposición teña que facer algo de ruído naqueles concellos onde se fusionen, pero se trata de concellos nos que non había rexistrador da propiedade e as oficinas seguirán abertas ao público e a disposición de todos os cidadáns desas localidades”, explicou.