O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento de Galicia a súa proposta para que María Dolores Fernández Galiño continúe como Valedora do Pobo, dentro do proceso aberto para a renovación dos responsables desta institución recollida e regulada no Estatuto de Galicia.
Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1981-1986) e diplomada en Práctica Xurídica pola mesma universidade (1985-1986), Fernández Galiño superou as oposicións de ingreso na carreira xudicial e tamén as oposicións de ingreso na carreira fiscal.
Na carreira xudicial estivo destinada, de 1990 a 1992, no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ponteareas. Ascendeu en 1992 á categoría de maxistrada, con destino de 1992 a 2001 no Xulgado do Social nº2 de Pontevedra. Desde 2001 estivo destinada na Sección 2ª da Audiencia Provincial de A Coruña.
Na carreira fiscal atópase, desde o seu ingreso, coa categoría de avogada-fiscal, en excedencia.
Así mesmo, María Dolores Fernández Galiño ten recoñecida a especialización de Dereito Civil de Galicia.
Desde xullo de 2019, exerce a súa función como Valedora do Pobo de Galicia, cargo para o que agora volve a ser proposta polo Grupo Popular.