O Grupo Popular proporá que o Parlamento galego aprobe unha resolución en defensa e apoio ao Estado democrático e de dereito, que implica o máximo respecto á independencia do Poder Xudicial; así como de rexeitamento expreso a calquera manifestación realizada polas forzas políticas cualificando de lawfare as actuacións levadas a cabo pola Xustiza para perseguir a corrupción política, e pedindo ao Goberno de España a retirada do proxecto de Lei pola que se regula o Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, que constitúe un retroceso ao Estado de Dereito.
O portavoz popular, Alberto Pazos, puxo en valor que “a normalidade política e democrática que afortunadamente vivimos en Galicia nos permite asistir atónitos aos acontecementos de corrupción política, institucional e moral que teñen como epicentro a Pedro Sánchez”. Neste sentido, indicou que “España non pode seguir nas mans dun Presidente que o seu único obxectivo é manterse na Moncloa a calquera prezo, en mans duns aliados, que cada día son máis cómplices das súas fechorías, que, xa o dixeron por activa e por pasiva, só queren mantelo no poder para aproveitar a súa debilidade e sacar o máximo proveito e as máximas concesións no seu único beneficio”.
ATAQUE Á XUSTIZA
“Desde o Grupo Popular imos seguir defendendo a limpeza do sistema democrático que felizmente gozamos en España e unha das cuestións que máis nos preocupa neste momento é o ataque que desde o Goberno de España, e de todos os aliados-cómplices do PSOE, se está a lanzar contra a independencia, a imparcialidade e a neutralidade do Poder Xudicial en España”, manifestou.
Por este motivo, Pazos anunciou que o Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que se propón a aprobación dunha resolución en defensa e apoio ao Estado democrático e de dereito, que implica o máximo respecto á independencia do Poder Xudicial; a necesidade de absterse de dar indicacións, instrucións ou presentar a xuíces e maxistrados sobre como se debe interpretar e aplicar o ordenamento xurídico; e, tamén, a urxente necesidade de que cesen os ataques a xuíces e maxistrados polo desenvolvemento do seu traballo libre, imparcial e neutral”.
O Grupo Popular tamén inclúe nesta proposta de resolución o rexeitamento expreso a calquera manifestación realizada polas forzas políticas, tanto galegas como do resto do Estado español, cualificando de lawfare as actuacións levadas a cabo pola Xustiza para perseguir a corrupción política. “É necesario que se manteña un escrupuloso respecto ás actuacións de xuíces e maxistrados, algo que ten que vir acompañado do cesamento de calquera presión ou interferencia na labor xudicial, para que poida levar adiante o seu traballo con liberdade e coa colaboración máxima para que todos podamos coñecer a verdade dos feitos investigados”, apuntou.
ACTITUDE INDULXENTE DO BNG
Neste sentido, Alberto Pazos criticou “a actitude indulxente do BNG, un dos máis destacados aliado-cómplice de Pedro Sánchez, que non tivo problemas en acusar á Xustiza, na boca da súa portavoz nacional, a señora Pontón, de incorrer en lawfare na súa loita por investigar e loitar contra a corrupción que inunda ao Partido Socialista, “acusación que, practicamente de inmediato, se viu obrigada a rectificar cando se fixeron públicas algunhas das conversacións incluídas no coñecido informe elaborado polo Unidade Central Operativa da Garda Civil”.
“Esa pureza e decencia é incompatible con seguir gobernando da man dese PSOE tan abrasado pola corrupción”, afirmou o portavoz popular dirixíndose aos responsables do BNG, polo que pediulles que “retiren de inmediato os seus apoios aos gobernos socialistas que sosteñen, e rexeiten o apoio dos socialistas nos concellos que gobernan co seu respaldo”. “Esa será a mellor forma de levar á práctica a pulcritude que queren trasladar aos galegos, pero xa estamos acostumbrados a que desde o BNG se afirme unha cousa que, posteriormente na realidade é outra totalmente distinta”, dixo.
A iniciativa rexistrada polo Grupo Popular inclúe, por último, a solicitude ao Goberno de Pedro Sánchez para que “retire a reforma lexislativa que, de chegar a aprobarse, será un maior retroceso vivido nunca antes polo Estado de Dereito, porque ataca directamente a independencia xudicial, promove o acceso arbitrario ás carreiras xudicial e fiscal, e non respecta os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade”.
Así, considerou “imprescindible a retirada deste proxecto de lei orgánica para que se siga respectando estritamente o principio básico e esencial en democracia de que todos os cidadáns deben respecto á separación de poderes, á independencia dos xuíces e tribunais e ás decisións que emanan de todos os órganos xudiciais”.