O Grupo Popular proporá a Julio García Comesaña como novo secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, quen substituirá nese cargo a Ethel Vázquez. A elección terá lugar no primeiro Pleno deste novo período de sesións, que se desenvolverá entre os días 27 e 28 de xaneiro.
Licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela, García Comesaña ten a especialidade sanitaria de Radiofísica Hospitalaria, así como o máster en Administración Sanitaria pola Escola Nacional de Sanidade.
Foi conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia desde setembro de 2020 ata abril do 2024. Con anterioridade, en marzo do ano 2017 foi nomeado xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, cargo que ocupou ata setembro do 2019, cando pasou a ocupar a xerencia da Área Sanitaria de Vigo.
No ámbito da xestión sanitaria desempeñou os postos de director de centro e director operativo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; de subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do Servizo Galego de Saúde; ou de director de Procesos Asistenciais da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo. Como especialista en Radiofísica Hospitalaria desenvolveu a súa actividade asistencial nos hospitais Povisa e Meixoeiro de Vigo, e Vall d’Hebron de Barcelona.
Na actualidade, é viceportavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia e presidente da Comisión 1ª, Institucional de Administración Xeral, Xustiza e Interior.