O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, reclamou hoxe ao Goberno central a realización dun estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9, co fin de valorar a posibilidade de asumir desde a administración a xestión desta autoestrada, do mesmo xeito que o Goberno de Pedro Sánchez ten feito coas radiais de Madrid”.
Alberto Pazos afirmou que “foi unha honra representar ao Grupo Popular e ao Parlamento de Galicia o pasado martes no Congreso no Debate para a toma en consideración da proposición de lei para a transferencia da AP-9 a Galicia”. Unha iniciativa parlamentaria que saíu adiante co voto favorable de todos os deputados da Cámara Baixa, a excepción dos representantes de VOX, “unha magnífica noticia para os galegos e para Galicia, e que agardamos axude a axilizar a tramitación desta iniciativa e que, máis pronto que tarde, a AP-9 poida ser xestionada desde Galicia”.
INCONGRUENCIA SOCIALISTA
Porén, amosou a súa “desconfianza en que esta transferencia sexa unha realidade a curto prazo, tendo presente as declaracións realizadas polo ministro de Transportes, cando asegurou que esta autoestrada é ‘unha clara candidata a ser de titularidade estatal porque ofrece unha conexión transfronteiriza’, unha afirmación rotundamente falsa xa que a AP-9 discorre integramente por territorio galego e remata antes da fronteira con Portugal; e cuantificou o rescate da AP-9 en 4.000 millóns de euros, unha cifra que hoxe mesmo incrementou ata os 6.000 millóns pero que descoñecemos de onde sae nin en función de que está cuantificada”.
O portavoz popular tamén considerou “indignante a incongruencia que están a amosar os socialistas galegos respecto da liberación das cuantiosas peaxes” que ten a AP-9. Neste sentido, lembrou o compromiso de liberar as peaxes desta autoestrada anunciado polo candidato socialista á Presidencia da Xunta nas pasadas eleccións autonómicas, asunto sobre o “que agora parece que non fala tan alto e contundente, senón máis ben coa boca pequena”.
Neste sentido, Pazos lamentou que o portavoz socialista eludira esta semana no Pleno solicitar ao Goberno central a gratuidade total da AP-9, ao tempo que criticou a abstención dos deputados socialistas á moción aprobada onte no Congreso que pide a supresión das peaxes. “Unha iniciativa parlamentaria co mesmo texto que se aprobou no Parlamento galego o pasado mes de maio co voto favorable dos deputados socialistas”, lembrou.
“Deixen de considerar parvos aos galegos falando de ‘proceso para abaratar as peaxes’, porque o que realmente nos importa a todos os usuarios da AP-9 é circular de balde pola mesma e deixar de pagar unhas peaxes desorbitadas e por enriba de calquera que se pagan nas autoestradas españolas”, rematou .