Santiago, 3 de maio de 2018. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, asegurou hoxe que o convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento sobre os terreos do porto en A Coruña “garante de xeito definitivo que ese espazo quede de titularidade pública”, polo que reiterou a demanda para que o Concello “se sume a este importante acordo, deixando á marxe o enfrontamento e o vitimismo para priorizar o diálogo e a cooperación interadministrativa”.
Martín Fernández subliñou que este acordo “responde ao que lle pediu o Pleno do Concello de A Coruña á Xunta a través dunha moción: garante que o solo de Batería, Calvo Sotelo e A Solana quede de titularidade pública e non fala para nada de usos nin se mete en competencias municipais”. “Temos agora a oportunidade de empezar a traballar nos terreos de Batería e Calvo Sotelo, que son os primeiros que quedarán sen uso portuario”, demandou.
“É un acordo aberto e por iso animamos ao Concello a sumarse a el, porque todo o que se vai facer no porto é por e para os coruñeses, e, por suposto, contando con eles”, sinalou.
140 MILLÓNS PARA O TREN AO PORTO EXTERIOR
No debate dunha iniciativa de En Marea, que pedía a revisión dos convenios portuarios asinados polo ex alcalde Paco Vázquez en 2004, Fernández Prado demandou “que digan como, porque xa lle dixen ao alcalde en varias ocasións que pode convocar a comisión de seguimento deses convenios cando queira, pero o que pasa é que non quere avanzar porque unicamente quere enredar politicamente”.
Martín Fernández tamén amosou a súa satisfacción polo acordo asinado entre Xunta e Fomento porque “garante 140 millóns de euros para o acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira”. “Iso non interesa recordalo, porque aí están eses 140 millóns sen que a Autoridade Portuaria de A Coruña teña que poñer un só céntimo”, destacou.