O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego a disposición da Xunta de Galicia a iniciar, antes de que remate o presente ano 2024, un diálogo con todas as forzas políticas parlamentarias, no marco do Pacto pola Lingua, de cara a procurar os consensos necesarios que permitan seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os contextos.
José Luís Ferro manifestou que un Plan da lingua galega “non debe ter como obxectivo desprazar unha ou outra lingua, nin impedir que os galegos aprendamos outros idiomas, senón que debe servir para que calquera poida vivir plenamente en galego, tal e como o recoñecen a Constitución e o Estatuto de Autonomía, que garanten que en Galicia temos dúas linguas oficiais”.
Neste sentido, indicou que “o conselleiro de Lingua traballa para poñer en marcha novas medidas de cara a seguir impulsando o galego, para o que quere contar con todas as forzas políticas parlamentarias co obxectivo de seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os contextos”. “Para ese Pacto da Lingua, a Consellería terá que achegar posicións, pero as formacións políticas terán que revisar o seu pesimismo e dramatismo no que respecta ao uso do galego”, incidiu.
O deputado popular alertou de que “se a cotío predicamos as debilidades da nosa lingua, o que o cidadán medio percibirá é que el debe apostar por outra lingua, polo que non debemos practicar nin o vitimismo nin o propagandismo esaxerado”.
Por último, e tomando os datos do último informe da lingua publicado polo Consello de Europa, Ferro dixo respecto do galego que “existen aspectos que deben mellorar, pero tamén se recoñece o algo índice de protección que as linguas cooficiais teñen en España, moi por enriba do que é habitual noutros países”. Ademais, salientou que o galego é a lingua cooficial con máis uso de todas as de España e conta co índice de competencias e coñecemento máis alto da historia.