O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, reiterou hoxe a solicitude ao Goberno central para que declare as rías galegas como zona catastrófica, ao tempo que pediu que “deixe de cobrar a seguridade social ás mariscadoras que están sen traballar nas rías por falta de produto”.
Miguel Fidalgo concretou que “a declaración de zona catastrófica non só é unha demanda da Xunta e do Partido Popular desde o pasado mes de decembro, porque tamén é unha demanda do propio sector e unha reivindicación das confrarías galegas que nos trasladan nos encontros periódicos que celebramos con eles”.
“A Consellería do Mar non só exerce as súas funcións, senón que está ao lado e en permanente diálogo cos nosos profesionais, adoptando ademais medidas e valorando accións en beneficio do noso sector marisqueiro, sempre desde o consenso e a comunicación constante cos profesionais”, manifestou.
Neste sentido, lembrou que a Xunta “xa hai meses que puxo en marcha o plan de apoio ao marisqueo”, ante o que lamentou a decisión do Goberno central de “seguir cobrando a seguridade social ás mariscadoras que están sen traballar nas rías por falta de produto”.