Santiago, 3 de marzo de 2021.- A deputada do Grupo Popular Cristina Sanz insistiu hoxe no Parlamento na “vontade total de apoio” por parte da Xunta e do PPdeG aos traballadores da empresa Galicia Textil en Neda e lembrou que “estamos ante un conflito laboral cuxa resolución está agora en mans da xurisdición social”.
Así mesmo, afirmou que o Goberno galego puxo a disposición de empresa e traballadores “o seu labor de mediación para chegar a acordos que dean cabida a proxectos de futuro que sexan viables, e o seu apoio e axudas para a posta en marcha de proxectos que permitan manter ou incrementar o emprego”.
Cristina Sanz recordou que a autoridade laboral da Xunta “xa non pode intervir neste conflito porque os responsables dos traballadores non o solicitaron cando procedía, isto é, durante o período de consultas, e agora a súa resolución xa está en mans da xurisdición social”. Porén, salientou que o Goberno galego “está a cumprir os compromisos que asumiu cos traballadores: analizando o informe da Inspección de Traballo respecto do ERE e falando coa empresa”.
Respecto das demandas realizadas polo BNG, a deputada popular explicou que “está a pedir cuestións de imposible cumprimento dentro do marco legal”. En concreto, sinalou que “a autoridade laboral non pode persoarse no proceso xudicial de impugnación do despido colectivo aplicado de xeito unilateral pola empresa, xa que non se dan os supostos que esixe a normativa para aplicar esa vía”.
Ademais, manifestou que “coa legalidade na man é imposible de condicionar a concesión do aproveitamento hidráulico Presa do Rei ao mantemento do emprego”. “Nin o título habilitante que ampara a utilización do recurso hídrico por parte de Galicia Textil nin os restantes actos administrativos que conforman o expediente amparan o feito de condicionar a vixencia do dereito ao mantemento do emprego, polo que non é factible tal esixencia”, engadiu.
MALTRATO DO GOBERNO CENTRAL A FERROLTERRA
“Por desgraza esta mala nova do ERE de Galicia Textil se suma ao maltrato que, no eido laboral e industrial, está a sufrir o conxunto da comarca de Ferrolterra”, lamentou Cristina Sanz, que apuntou que “as decisións políticas do Goberno central están levando a un desmantelamento continuo e silencioso da actividade industrial e á destrución de milleiros de postos de traballo nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, que se atopan nunha situación crítica e dramática”.
A deputada popular recordou que o PPdeG apoia a folga xeral da comarca de Ferrolterra convocada para o vindeiro 10 de marzo e “seguiremos apoiando e loitando pola supervivencia destas empresas, buscando visibilidade, dando voz aos problemas e propoñendo alternativas e carga de traballo, para o que tamén se precisa o compromiso do Goberno de España”.