Santiago, 8 de marzo de 2022.- A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego o compromiso do Goberno galego e do Instituto Galego de Estatística (IGE) de elaborar en 2023 unha conta satélite da produción doméstica “coherente e comparable a nivel europeo, cun sistema de recollida de datos fiable e axustada no tempo e no seu custe”.
Noelia Pérez explicou que a elaboración de estudos de reparto do tempo nos fogares “permite coñecer e visibilizar o traballo doméstico e de coidado que realizan basicamente as mulleres no fogar, ao tempo que permite poñer de manifesto as diferenzas que aínda existen entre mulleres e homes na realización destas tarefas”.
DEMORA DO TRABALLO DO INE
A deputada popular sinalou que as enquisas de usos do tempo “teñen unha gran complexidade, pola carga de resposta e os custes económicos da súa elaboración, polo que nestes momentos se está a traballar en novas metodoloxías para obter e elaborar a información dun xeito máis simple e garantindo o uso eficiente dos recursos públicos”.
“Por este motivo, o Instituto Nacional de Estatística, que tiña previsto realizar unha nova enquisa de usos do tempo, vén demorando o seu propio proxecto para intentar alixeirar a carga de resposta e para converxer coa metodoloxía e os calendarios europeos, que a día de hoxe aínda non están pechados”, indicou.
A pesar desta situación, Noelia Pérez lembrou que tanto o IGE como a Consellería de Emprego e Igualdade comprometéronse no Pleno do Consello Galego de Estatística celebrado o pasado mes de decembro a por en marcha en 2023 unha enquisa de usos do tempo coa información do INE e en coherencia coa metodoloxía europea.
“Ademais, se o Goberno de España non cumpre co seu decreto e segue demorando a redacción desta estatística, o IGE comprometeuse a elaborar un traballo propio sobre un proxecto técnico que aprobaría o Consello Galego de Estatística”, subliñou.