Santiago, 14 de novembro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha nova proposición non de lei a través da que se reproba as argucias que está a utilizar a familia Franco para intentar boicotear o proceso de devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público, ao tempo que se insiste ao Goberno do Estado para que active con urxencia a demanda legal consonte o indicado na conclusión final do Informe elaborado pola comisión de expertos, logo do encargo feito pola Xunta de Galicia.
“O PPdeG sempre apoiará todo o que sexa camiñar en conxunto para conseguir o obxectivo final da devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público”, manifestou o portavoz de Cultura, César Fernández Gil, ante a nova iniciativa aprobada hoxe na Comisión 1ª do Parlamento.
MOITO TRABALLO FEITO
Fernández salientou que “se leva feito un traballo moi importante para conseguir a devolución deste inmoble ao público, polo que agardamos que este novo acordo unánime se reforce o compromiso de todas as forzas políticas deste Parlamento”.
Na súa intervención, o portavoz popular considerou “necesario que todos sexamos conscientes de que no camiño da memoria histórica temos que ir todos da man, para que vivamos a historia como propia para lembrar e aprender que o sistema democrático é o mellor para garantir os dereitos e liberdades públicas”.