Santiago, 22 de maio de 2018. O viceportavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Miguel Tellado, subliñou este martes no Parlamento que a saúde dos traballadores galegos é unha cuestión “absolutamente prioritaria” tanto para o Goberno galego, coma para a maioría na Cámara que o sustenta. Neste sentido, lembrou que o Orzamento do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) incrementouse no último exercicio un 3 por cento e prevese que siga aumentando de cara aos vindeiros.
Tellado sinalou que a Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo (2017-2020) e os plans anuais do ISSGA inclúen actuacións relacionadas coa investigación de enfermidades profesionais e a vixilancia da saúde dos traballadores; así como que a normativa sobre saúde e seguridade no traballo cada vez é máis esixente, sendo a prevención unha base moi importante.
Nun sentido similar, o viceportavoz quixo facer algunha consideración acerca de que non todas as patoloxías que se diagnostican están vinculadas con enfermidades profesionais, e desmentiu a afirmación de que se estea dando unha subida nestas afeccións, nin nos accidentes de traballo que se deban ás condicións actuais do mercado. Do mesmo xeito, celebrou que “agora as estatísticas reflicten todas as enfermidades laborais que antes se contabilizaban como doenzas comúns”.
Ademais, Tellado lamentou que a oposición fundamente as súas iniciativas en premisas falsas. “Nin somos a comunidade con maior índice de enfermidades profesionais; nin de accidentes no traballo; nin estes ocorren con máis frecuencia entre os traballadores temporais; e, por suposto, non se tolera ningún incumprimento da lei”, insistiu.