Santiago, 5 de setembro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira reiterou hoxe que “a Xunta segue mantendo a súa disposición para continuar negociando cos representantes sindicais dos axentes forestais as melloras na súa situación profesional e na dotación de material”. “O Goberno galego nunca quixo romper o diálogo e foron os sindicatos os que se levantaron da mesa, polo que é a eles a quen lles corresponde retomar as negociacións”, sinalou.
Jacobo Moreira lamentou que os sindicatos UXT e CIG abandonaran o pasado 6 de agosto a mesa de negociación, “que segue a desenvolverse pola Administración galega cos representantes dos axentes forestais e medioambientais”.
APOSTA POLO DIÁLOGO
“Unha vez máis seguimos apostando polo diálogo para mellorar as condicións de traballo dos axentes forestais, mellora que xa se tiña plasmando nos últimos anos en materias como a formación, a negociación dunha oferta de emprego para permitir que melloren na súa situación profesional e na dotación de material”, lembrou.
Así mesmo, Moreira apuntou que a Xunta ofreceu no novo proceso de negociación aberto unha suba progresiva de niveis e das súas retribucións ordinarias, unha xornada anual semellante á dos funcionarios, así como un incremento das retribucións que perciben no período extraordinario. Tamén, por vez primeira, se lles recoñece o dereito a ter unha axuda por manutención nas quendas que se fan nos días festivos e nas fins de semana.